O raquitismo dos concellos
Por ArturoLosada
Mai 23¿Alguén se lembra do Pacto Local? Si, home, si, ese acordo para transmitirlles más competencias ós concellos (e seis millonciños para exercelas). Era unha idea de Fraga, pero asinárona Touriño e Pepe Crespo en xaneiro de 2006. O presi chegou a dicir que “remataría co raquitismo económico dos concellos, que son excesivamente dependentes do poder central ou autonómico”. Está nas hemerotecas.
De seguido, abríronse mesas de negociación, moitas mesas de negociación. Unha por consellería máis dúas ou tres de regalo. E fixéronse promesas, moitas promesas. Os concellos ían ter servizos autofinanciados e controlar directamente centros sociais e de saúde, escolas de ensino primario e xulgados de paz. Íanse aumentar os cartos a repartir no Fondo Galego de Cooperación e íase crear un Fondo de Compensación Territorial para as zonas máis desfavorecidas. De seguro que tamén se convocou algunha outra mariscada. ¿Resultados? Poucos.
En canto comezou a negociación do Estatuto, todo o mundo esqueceuse del. E en canto fracasou, ninguén tiña gana de seguir fozando no ordenamento administrativo. Tal foi a desmemoria colectiva que nin sequera se fala del agora, en plena campaña das municipais. Nin, o PP, ó que lle podería beneficiar e que leva dez días reclamando máis financiamento para os concellos (aínda que tamén prometa baixar os impostos, xeo abrasador, lume xeado). A única excepción foi o propio Pepe Crespo, que ameazou con rompelo (como se recolle aquí, no penúltimo parágrafo), e ninguén se molestou en replicarlle, talvez porque non hai nada que poida romper.
Coido que podemos dalo por morto, ó pobre Pacto Local. Unha mágoa, porque podería ter sido unha boa alternativa ás Deputacións, eses organismos que lle dan traballo ós familiares dos seus presidentes, poñen postes, pistas, bancos con macetas e mesmo nos poden ensinar inglés.

[…] cuñados inútiles dos alcaldes e cuxa reforma quedou no limbo no que están as negociacións do Pacto Local. E tampouco se reforzaron realmente os efectivos da Xunta, quen, segundo os seus líderes […]