A dubidosa resurreción do Plan Galicia

Por ArturoLosada
Mai 24

Coa visita que Cascos, Álvarez Francisco, fixo onte á Coruña, xa foron dous, el e Mariano, os grandes prohomes do PP de Madrid que nos prometeron que se os metemos na Moncloa en 2008, o Plan Galicia, aquel vello Plan Galicia que nos encheu o país de grandes carteis tras a resaca do Prestige, estará aprobado e licitado enteiriño en cousa de 100 días.

Aínda que estamos acostumados a que os políticos nos tomen por idiotas, coido que desta vez pásaronse un treito longo. Primeiro, porque o que eliximos o domingo son as municipais, e alí se escollen alcaldes que nin pinchan nin cortan no Plan Galicia.

Segundo, proque pedirnos o voto para as xerais non só é estúpido, e que debería de valerlles un toque de atención da Xunta Electoral.

Terceiro, porque as eleccións xerais serán na primeira metade de 2008 (en marzo, probablemente) e os Orzamentos Xerais do Estado non se aproban ata decembro. Así que, aínda que a súa intención de licitar fose certa, teríamos unhas licenzas de obras preciosas, pero non os cartos para poñelas en marcha.

Porén, o mais interesante destas parvadas é que revelan que estes señores son incapaces de vir a Galicia a falar dos problemas de aquí, porque os descoñecen. Os de aquí e os de Murcia, Soria, Segovia ou Cádiz. E non digamos xa os da Coruña, Teruel, Girona ou Álava. Así que, como lles soa o do Plan Galicia, veñen con esa matraca, e co de ETA, de paso, por non variar.

Reveladora deste descoñecemento é a frase que Aznar, outro preclaro líder que nos visitou, dixo en Ferrol: “Nós fixemos estradas para que se puidese vir a Galicia”. Señor ex presidente, nós non temos que vir a Galicia, porque xa vivimos aquí ¿sabe?

¿Urbanismo? ¿Financiamento dos concellos? ¿Despoboamento do interior? ¿Envellecemento da poboación? ¿Abandono do rural e vulnerabilidade ós incendiosforestais? ¿Nepotismo? ¿Carretaxe de votos? Nada de iso lles soa de nada, mesmo diría eu que a última noticia de política galega pola que Mariano se interesou foi a moción de censura a Fernández Albor.

Señores, que agora hai unha edición galega de El Pais. Que non custa tanto informarse.

Arquivado en: municipais

Deixa unha resposta

A padiola mecánica

Animais políticos

Dentro das nosas limitadas capacidades, neste blog tentaremos facer resumo da trama desa longuísima serie que é a política galega sen resultar coñazo e esquivando os tópicos habituais na prensa, pois, de momento, non temos apoio institucional. Se non o acadamos, sodes libres de insultarnos nos comentarios.