Alcaldes Frikis (I): Os que gañaron

Por ArturoLosada
Mai 29

Tras os análises perpetrados polos meus compañeiros de blog, pouco queda que comentar sobre estas eleccións municipais, pouco serio alomenos, pero coido que hai un tema que non se tratou, e que ten moito que ver coa idiosincrasia do voto galego. ¿Que pasou cos nosos alcaldes frikis? Pois imos velo:

Senén Pousa Soto
, de Beade, que fai misa cada 20 de novembro, polo cabodano de Franco, e ameaza ós veciños que reclaman agua potable nas súas casas (¡os moi masóns!), mantén o seu sillón de alcalde, pese a cederlle un concelleiro ó PSdeG. Supoño que o entrañable que está cantando o Cara al Sol fai imposible non votarlle.

Antonio Campo, alcalde de Ortigueira, famoso por formar un dúo humorístico con Pocholo Martínez-Bordíu (”tu vives en una caravana porque eres pobre”) e por xogar con billetes de 500 euros coma se fosen clínex, mantén intacta a súa maioría absoluta pese a deixarse un concelleiro polo camiño, como xa salientou o doutor Marcos Pérez. ¿Quen non lle confiaría o seu voto a un tipo que afirma ter tantas mulleres ó seu servizo?

José Antonio Landín, de Barro, logra mellorar os seus resultados tras ser o home que (presuntamente, non esquezamos o presuntamente) encerrou baixo chave cinco motobombas mentres o lume cercaba ó seu concello, foi a Comisión do Parlamento a facer resitencia pacífica tipo Gandhi e logo adicouse a saír nos xornais a acusar ós ecoloxistas de queimar o monte. Alguén que mira tanto polo seu e os seus ten á forza que ser un bo alcalde.

Xoan Gato, de Narón, alma da Ferrolterra, cerebro de Terra Galega (xunto con Cacharro Pardo, din as malas linguas) volve ser o máis votado, pese as súas múltiples peculiaridades urbanísticas e pese a cobrar impostos polo saneamento das augas fecais aínda que non haxa depuradora. Así a todo, perdeu tres concelleiros e con eles, a maioría absoluta, polo que anda enrabechado e pode abandonar a alcaldía, que é súa dende 1979… ou poden botalo, non está claro.

Jesús Ares, de Toques, experto en meterlle man ás menores e en agredir fotógrafos, volve ser o candidato máis votado no seu concello, coa súa formación Xuntos Cara o Progreso de Toques (XCPT), pero perde a maioría absoluta (oooohh). Porén, para quitarlle o goberno será preciso un pacto tripartito entre PP, PSOE e BNG ¿Veremos tal cousa?

Ángel García Seoane, Gelo,
de Oleiros e a súa Alternativa dos Veciños foron outra vez os favorito dos votantes, aínda que deixaron un concelleiro polo camiño e de novo terá que pactar con alguén, cousa difícil porque semella que todo o mundo o odia. O acordeonista máis famoso de Galicia, colega de Fidel Castro, vixiado pola CIA e inimigo de Israel, foi un dos poucos alcaldes de Galicia que aprobou un PXOM que reduce a edificabilidade, aínda que (presuntamente, de novo), fixo por enriquecerse auto-expropíandose terreos. De todo o lote, é o máis simpático por moito e o único que nunca gobernou con maioría absoluta.

Veña, mañá remato o rollo falando dos que perderon.

Arquivado en: municipais, frikipolítica

2 respostas a “Alcaldes Frikis (I): Os que gañaron”

  1. Eh, roubáchesme o post de mañá pola mañá no galpón!!

  2. ¡Meu deus! ¡Interferencia de ideas cun dos galponeiros! Isto e xogar na liga das estrelas…
    Non me vas demandar ¿non?

    Veña, en serio. Xuro sobre a tumba de Durruti que non era a miña intención pisarlle o tema. ¿Como ía saber eu de que pensaba escribir vostede? E aínda así, se se identifica no correo interno, comprometome a invitarlle a unha caña para compensarlle o susto.

Deixa unha resposta

A padiola mecánica

Animais políticos

Dentro das nosas limitadas capacidades, neste blog tentaremos facer resumo da trama desa longuísima serie que é a política galega sen resultar coñazo e esquivando os tópicos habituais na prensa, pois, de momento, non temos apoio institucional. Se non o acadamos, sodes libres de insultarnos nos comentarios.