¿O HARAKIRI DAS DEPUTACIÓNS?

Por MarcosPerez
Xun 19

Nestes días en que tanto se está a falar da Transición (dende agora e até o 2012 agárdannos unhas cantas conmemoracións de “30 anos de”), é bo lembrar un dos seus elementos máis orixinais, con respecto a outros procesos semellantes. En 1976 as Cortes Franquistas votaron a súa extinción, o que se acabou coñecendo como o harakiri político. A Lei para a Reforma Política implicaba a disolución das Cortes e a celebracións de eleccións democráticas; supoñía a transición da ditadura á democracia, “da lei á lei, pasando pola lei”. O franquismo debatiu a súa desaparición orgánica, e votou “si”.

Lembro isto estes días nos que tamén se está debatendo en Galicia a desaparición das Deputacións, restos dunha estrutura centralizada do Estado anterior ao “Estado das Autonomías”. Os partidos que apoian a eliminación destas estruturas de poder: BNG e, de xeito máis matizado, o PSOE, teñen a oportunidade de baleirar de competencias os organismos provinciais da Coruña e Lugo. A opción está aí, a opinión pública (medida en varias enquisas) apoiaría a supresión das Deputacións ou a redución das súas competencias. A pregunta é: ¿PSOE e BNG están dispostos a desfacerse dun instrumento de control político que ten demostrado manter unha influencia moi importante nos concellos de pequeno tamaño?

De igual xeito, debátese estes días a reforma do sistema do voto emigrante, de grande importancia en Galicia. O voto da emigración adoita favorecer de xeito claro ao partido que exerce o poder en Madrid e, en menor medida, en Santiago. PSOE e BNG criticaron durante anos o sistema existente, por entender que permitía unha decisiva manipulación, exercida polo partido no poder, naquel momento o PP. Agora é o PSOE quen goberna en Madrid e Santiago, e parece que a idea de cambiar un sistema que lle beneficia resúltalle menos urxente do que era.

Non é doado renunciar ao poder. Non é doado renunciar a unha vantaxe competitiva, aínda que se estea convencido da súa inxustiza.

Deixa unha resposta

A padiola mecánica

Animais políticos

Dentro das nosas limitadas capacidades, neste blog tentaremos facer resumo da trama desa longuísima serie que é a política galega sen resultar coñazo e esquivando os tópicos habituais na prensa, pois, de momento, non temos apoio institucional. Se non o acadamos, sodes libres de insultarnos nos comentarios.