Eterno Monte Gaiás

Por JacoboRey
Ago 27

O da Cidade da Cultura colle tintes de asemellarse cada día máis ao Guadiana. Aparece e desaparece da escena política galega sen que o ninguén o poida predecir. Se cadra é pola falta de temas (orixinais) de debate, pero o certo é que estase a convertir nun tema recurrente que enche periódicos, roldas de prensa e discusións de cafetería.

A última sorpresa deuna o presidente Touriño. Cual Mago Teto, o líder do PSdeG sacou da chisteira unha comisión parlamentaria para investigar canto, como e en que se gastaron os máis de 400 millóns que en teoría téñense investido no mauseleo de Eisenmann.

A noticia foi un bombazo, porque ninguén a esperaba. Nin os principais implicados (o PPdeG, autor material do deseño e execución da obra), nin os principais afectados, o BNG, socio de Goberno do PSdeG e quen ten nas súas mans a pataca quente de rematar a Cidade da Cultura.

A cousa parécese, e moito, o tema da Vía Rápida do Salnés. O Parlamento analizará (ou alguén cre que en realidade se vai investigar?) feitos acontecidos durante o Executivo de Fraga, aínda que transcurrisen máis de dous anos dende o cambio de Goberno.

Pero hai diferenzas, vaia se as hai. O PSdeG impulsa esta comisión porque é, das tres forzas políticas, a que menos ten que perder nesta batalla. Nin lle vai, nin lle vén. Pase o que pase, aplicará aquelo de A río revolto, ganancia de pescadores. E as troitas baixan ben revoltas, logo de que o Consello da Cultura Galega dixese, coa demora propia dos organismos fiscalizadores, que as cousas se fixeron entre regular e mal, tirando a mal.

A pelota vermella lanzada por Touriño en A Fonsagrada está nos tellados de PP e do BNG. E non tardaron en chegar as reaccións.

O BNG di que si, que haberá comisión. Non había máis remedio. Negarse a que o Parlamento fale de algo que fixo o PP sería ilóxico. O problema que ven os nacionalistas é que, de rebote, o tema tamén pode salpicarlles a eles.

Pola súa parte, Feijoo ve na idea “unha maniobra” para levar o debate político onde queren os socialistas, e onde pouco pode gañar o principal partido da oposición. Os honorarios de Eisenmann ou o desfase nos orzamentos son temas que van na contra do PP. E a posibilidade de ver comparecer a Pérez Varela no Parlamento dificulta a intención dos populares de pasar páxina respecto ao Executivo anterior.

Arquivado en: psoe, pp, feijoo, touriño, bng

Unha resposta a “Eterno Monte Gaiás”

  1. Un tema interesante este da Cidade da Cultura. Non hai moito que “analizar”. Xa se recoñeceron as ampliación do fondos respecto aos orzamentos iniciais. O problema non é só o da Cidade da Cultura (que posiblemente sexa o despilfarro máis grande e inútil en Galicia), senón todas as outras obras que se executan investindo fondos moi superiores aos inicialmente establecidos.
    O problema, como dicía Barreiro Rivas fai uns días na súa columna habitual nun xornal ¿galego?, é que ao contribuínte non lle importa demasiado isto, porque estamos nunha boa coxuntura económica. Se os fondos para gastar se reducen, quizais teñamos algún problemiña importante. Os cidadáns deben ser responsables á hora de saber se queren unha cidade da cultura ou cultura nas súas cidades e vilas. No fondo é coma todo, precísase educación política e implicación da cidadanía nos proxectos da comunidade.

    Un saúdo.

Deixa unha resposta

A padiola mecánica

Animais políticos

Dentro das nosas limitadas capacidades, neste blog tentaremos facer resumo da trama desa longuísima serie que é a política galega sen resultar coñazo e esquivando os tópicos habituais na prensa, pois, de momento, non temos apoio institucional. Se non o acadamos, sodes libres de insultarnos nos comentarios.