FRICIÓNS

Por MarcosPerez
Set 19

Nas últimas semanas vimos asistindo a continuas friccións, escaramuzas tan só, entre os representantes de BNG e PSOE na Xunta. Está detrás a inmediata negociación dos orzamentos do executivo galego. E están detrás as eleccións de marzo. Curiosamente, os roces estanse producindo, en concreto, en todas aquelas áreas que non quedaron repartidas de xeito estanco hai dous anos, nas negociacións para formar goberno. O reparto foi tan efectivo que os conselleiros e directores xerais de Sanidade non teñen por que coincidir no mesmo edificio cos de Medio Rural en todo o ano, e os de Industria poden pasar meses sen ver aos de Presidencia. Pero houbo algunhas áreas nas que se tivo que facer un reparto máis complexo: o audiovisual, por exemplo, que caeu do lado socialista pero do que Cultura non se quixo desprender por completo. Ou a investigación, a cabalo entre o Igape (PSOE) e Industria (BNG). Ou a CRTVG, na que cada partido foi escollendo a xestores próximos nos informativos e nos programas, na dirección da TV ou na dirección do Ente.

Aí é onde se producen as friccións. O BNG quere gañar influencia sobre a investigación e a innovación, e quere recuperar para Cultura a Industria Audiovisual. De igual xeito, o PSOE quere restarlle competencias ao propio vicepresidente na área do Benestar, asumindo a través dos concellos nos que goberna a aplicación da Lei de Dependencia.

Os gobernos de coalición son a norma en toda Europa, sobre todo naqueles países cun sistema electoral proporcional coma o noso. A presenza de varios partidos nun goberno é positivo, por sistema, pois iso significa a presenza de distintas sensibilidades sociais, distintos puntos de vista da realidade. Un goberno máis semellante á sociedade que goberna. A competencia dentro dun goberno tamén é boa, pois impulsa aos seus integrantes a traballar por facelo mellor que os outros partidos ou faccións, mellorando a xestión, en consecuencia. Apenas unha cautela: esta competencia debe ser positiva, debe medirse en traballo, en iniciativas, non en rexoubos, intrigas e cambadelas.

Arquivado en: Sen clasificar

Deixa unha resposta

A padiola mecánica

Animais políticos

Dentro das nosas limitadas capacidades, neste blog tentaremos facer resumo da trama desa longuísima serie que é a política galega sen resultar coñazo e esquivando os tópicos habituais na prensa, pois, de momento, non temos apoio institucional. Se non o acadamos, sodes libres de insultarnos nos comentarios.