IBARRETXE MARCA O PASO
Por MarcosPerez
Out 2A proposta de referendo lanzada por Ibarretxe a pasada semana está monopolizando o debate político. Pero pode producir un efecto máis importante: pode facer pivotar as eleccións de marzo sobre o conflito identitario, sobre todo naquelas nacións do Estado nos que este conflito é máis forte, Catalunya, Euskadi e, con dúbidas, Galicia. É un discurso no que o PNV móvese moi ben (acadou os seus mellores resultados coincidindo coa ofensiva nacionalista do segundo goberno Aznar), o mesmo que o PP, que busca desesperadamente temas cos que atacar a Zapatero, así como o nacionalismo catalán; ERC intentará repetir os fenomenais resultados que lle brindou o acoso do PP e a prensa conservadora en 2004, mentres que CiU buscará recuperarse acusando a Zapatero e ao PSC de incumprir as súas promesas cara a Catalunya, tanto na xestión das infraestruturas e transportes, coma no caso do Estatut.
A proposta de Ibarretxe está condenada a fracasar. En primeiro lugar porque non pasaría de ser unha consulta simbólica, e en segundo lugar porque o PNV volve trabucarse ao lanzar un discurso rancio, tradicionalista, propio doutro século, moi diferente do que é hoxendía Euskadi e o propio nacionalismo vasco. De feito, dificilmente atopará o apoio de EA, Aralar, Ezker Batua e moito menos o da esquerda abertzale. Pero é que a proposta de Ibarretxe só busca a cohesión interna do propio PNV e maximizar os seus resultados electorais en marzo, que serán mellores canto máis dura sexa a resposta dos partidos e dos medios de comunicación en Madrid.
¿E o PP? Contentísimo. Por fin ten un tema co que facer oposición ao PSOE. Os debates identitarios favoréceno e mobilizan o seu voto. De feito, xa lanzou “Somos España”, a súa campaña nacionalista (un nacionalismo rancio, antiguo e conservador, exactamente igual que o de Ibarretxe).

Boas. O nacionalismo de Ibarretxe é “rancio” por propoñer un referendum? Logo darlle a palabra ao pobo é algo rancio? Con esa lóxica os quebequeses, escoceses, etc. tamén serán rancios. Ou será que as rancias opinións dos rancios progres e rancios fachas madrileños tamén inflúen en vostede? O discurso de Imaz é moi atractivo, pero a soberanía (sí, a SOBERANÍA) segue sendo á base xa non da nación, senón da simple democracia.
Unha aperta.