Embarazos no Parlamento
Por JacoboRey
Out 23Pasada a resaca dos Orzamentos da Xunta, a actualidade política derivouse cara outros temas. Por un lado, Anxo Quintana vén de botar outra vez un pouco de sal sobre a ferida dos emigrantes, esa que leva anos aberta e que se precisa dun consenso amplo para solucionala. E por agora non o hai. Pero esa non é a cuestión.
O outro tema de debate está estes días no Parlamento. Máis en concreto, no embarazo da deputada do PP Amparo González. Nun estado de xestación moi avanzado, é de esperar que lle toque en breve coller a baixa por maternidade. E os días que estea de baixa, non acudirá o Parlamento. E loxicamente, non poderá votar. Aí está o cuestión.
Para o caso práctico, o resultado das axustadas votacións non ten porqué variar. PSdeG e BNG suman 38, e o PP, 37. Neste caso, o PP pasaría a ter 36. Nada cambiaría.
Pero o partido de Feijoo acaba de presentar unha iniciativa interesante, na que pide a posibilidade de delegar o voto a outra persoa neste tipo de circunstancias, de tal xeito que González poida votar dende a súa casa.
O curioso do tema é que na exposición de motivos, o PP comentaba a modo de anécdota -pero cunha interesante reflexión- que as que en realidade non podían quedar embarazadas eran as deputadas nacionalistas ou socialistas. O axustado da maioría do Bipartito, din os populares, o impediría.
Polo de agora xa ten ocorrido unha cousa semellante. Nunha ocasión, o deputado Lage Tuñas chegou tarde a unha votación e non puido participar nela. Con todo, e en caso de empate técnico (como foi o caso), o voto da presidenta do Parlamento serviu para decidir esa votación.
Ora ben, que pasaría se dúas deputadas do bipartito quedan embarazadas en datas similares? A cada vez maior presenza da muller, e cada vez de menor idade, na Cámara incrementa as posibilidades de que suceda isto. Dende logo, xa teñen cambiado os tempos en que a Pasionaria foi deputada nas primeiras Cortes democráticas. Outros tempos, señores.
Hai quen tamén opina que o máis lóxico sería unha substitución temporal por outro deputado, neste caso o seguinte na lista na que estaba incluida a embarazada. Está por debatir o tema…
Pero decidan o que decidan, cómpre poñer solución a isto. Máis que nada, porque tal e como está a demografía en Galicia, non é plan que as nosas señorías se absteñan de traer fillos ao mundo polo mero feito de non perder unha votación parlamentaria. Ou acaso queren impedir a conciliación da vida laboral e familiar? Menudo exemplo!
