Arquivo de Dec, 2007.

Máis inxenio e menos ladrillo

Por JacoboRey
Dec 21

Co visto e prace ao fondos Feder ata o 2013, Galicia recibirá a que parece que será a última inxección económica das arcas da Unión Europea. Nada menos que 5.650 millóns de euros, en números redondos. E será a última porque en 2013 haberá novas rexións ás que adicarlle os recursos. Os novos socios do leste tamén queren o seu cacho de tarta, lóxico. Tocará apretar o cinto.

Diante disto, a Xunta anuncia cambios. Acabouse priorizar o ladrillo, aínda que o AVE recibirá unha parte significativa dos investimentos. Sendo optimistas, é de esperar que en 2013 estea rematado -ou a piques- esta infraestrutura da que se leva falando tempo inmemorial. Será, este, o derradeiro esforzo inversor en camiños de ferro?

Agora fálase día e noite de innovación, de I+D+i, de sociedade de coñecemento. Aplicado na práctica, o conselleiro aposta por poñer en marcha novos produtos alternativos. O valor engadido. O feito diferencial. Conservas de percebe. Iogures revitaminados. E un longo etcétera…

Tamén se referiu á alta tecnoloxía. Dende o supercomputador Finis Terrae, dos máis potentes de España, ata o centro de investigación en vehículos intelixentes. Sexa o que for, son moitos cartos e terán que dar para moito. Houbo quen se alegrou de que Galicia seguise sendo rexión obxectivo de converxencia. É bo percibir axudas da Unión Europea. O que invita á reflexión son as causas de que Galicia requira esas axudas.

Na sinatura dos programas operativos, Danuta Hubner destacou as boas ideas de investimento previstas pola Xunta, en referencia, por exemplo, ao saneamento das rías. Ela xa coñece Galicia, fixo unha ruta en helicóptero. É de imaxinar que non coñeceu o Gaiás. Porque de ser así, se cadra Bruxelas non sería tan xenerosa…

Núñez Feijoo, ministro?

Por JacoboRey
Dec 19

O presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, postulou a Alberto Núñez Feijoo como futuro ministro de Fomento en Madrid. “Sería bo para Galicia”, dá a entender Baltar, sumándolle á súa proposta o feito de que Feijoo xa coñece o funcionamento da Administración central.

Está claro que o presidente dos populares galegos coñece de que vai o tema de licitacións, adxudicacións, proxectos de obra e autorizacións ambientais. Foi conselleiro de Política Territorial, equivalente á galega dese Fomento que a xuizo do PP, tan mal defende Magdalena Álvarez para os intereses de Galicia.

E do seu paso por Correos e o Insalud, Núñez Feijoo conserva esa sona de “xestor audaz”, de perfil tecnócrata, de técnico máis que de político. Así foi como chegou a Galicia, aínda que as circunstancias de 2005, a caída de Fraga e o seu afianzamento como líder da oposición teñen mudado a súa forma de actuar. Non vale un técnico como crítico do bipartito.

Chegados a este punto, que gañaría Feijoo marchando a Madrid? De cumprirse esa hipótese, tería pouco menos dun ano para ocupar o cargo. Pasaría a ser ministro en Marzo de 2008, e as eleccións galegas serán -salvo novidade- a mediados de 2009. ¿Tempo suficiente para incrementar a súa presenza entre os votantes galegos?

Hai dúbidas ao respecto. Non tería tempo de inaugurar as grandes obras do AVE, e só algúns tramos da Autovía Transcantábricas, as grandes obras que está a executar Fomento en Galicia. Pola contra, perdería totalmente o contacto co día a día galego, coa vida política do país.

A opción de ministro como paso previo a candidato saiulle medianamente ben a López Aguilar en Canarias. Gañou as eleccións. Pero non goberna, e tampouco volveu ser ministro. Por iso xurden dúas dúbidas: ¿Está Feijoo polo labor, se o require Rajoy? ¿Que pasará co partido, se acepta esa opción e sae elixido?

Arquivado en: feijoo | Comentarios (0)

¿Por que ZP non saiu a recibir a Quin?

Por JacoboRey
Dec 13

Acude Anxo Quintana á Moncloa con ánimos renovados, con ganas de comerse o mundo enteiro. Tiña fame o portavoz nacionalista, e nada mellor que un palacio gubernamental para saciala. Nas cociñas da casa de Rodríguez Zapatero teñen as despensas cheas de competencias, cartos e outros agasallos dispostos a compracer a calquera mandatario que se precie.

Pero o feo do asunto non é o que conseguiu Quintana. Tampouco o que non conseguiu, ou o que lle volveron negar. A cuestión é, simplemente, de formas.

Zapatero non saiu á porta da Moncloa a recibir a Quintana. Non hai foto dos dous mandatarios dándose a man na entrada da casiña, ou invitándolle a introducirse no recinto residencial. Do típico, nada de nada. Supoñemos que o de Allariz petaría na porta, ou chamaría ao timbre. Quintana sempre foi un home de recursos.

Arriscándonos a falar de máis, resulta novidoso que o xefe do Executivo pasase olimpicamente dun invitado como o noso vicepresidente. Quizais veulle nese momento un apretón, ou Quintana foi demasiado puntual, ou… En todo caso, négome a pensar que o presidente do Talante estea perdendo facultades agora que remata a lexislatura.

Arquivado en: quintana, bng | Comentarios (2)

Pérez Varela e o eixo do mal

Por JacoboRey
Dec 11

Finalizada a Comisión do Gaiás, as conclusións elaboradas por socialistas e nacionalistas sitúan a Jesús Pérez Varela en pleno centro do eixo do mal. O ex-conselleiro de Cultura vive nun segundo plano, grazas as xenerosas retribucións que recibe como membro do Consello de Administración da CRTVG. Pero a que fora oposición, e agora goberna Galicia, pretende por todos os medios recolocar a Pérez Varela nas portadas dos xornais.

O demoledor dictame da comisión só é un aviso a navegantes. Pouco importa que esas conclusións, en certa medida, xa estivesen prefixadas semanas antes de que comparecese o máximo responsable da execución da Cidade da Cultura. Todo documento no que aparece a palabra Fiscalía contén, en principio, unha especie de bomba de reloxería no seu envoltorio. Quen saiba xogar mellor con ela obterá réditos. E os demais, corren o risco de que lles estoure na faciana sen enterarse.

A estratexia dos socios de goberno parece clara: sinalar a Pérez Varela como cabeza de turco do Gaiás. E contrariamente ao que agardaba o PP, o punto forte do dictame está no post-Fraguismo. Concretamente, na creación dunha empresa (Chuvieira) liderada polo mesmo Pérez Varela, e con presuntos vínculos coas adxudicacións da Cidade da Cultura.

Mentres, o Partido Popular tiña tamén unha liña de acción preparada: a inacción do bipartito na posterior xestión do Gaiás. Colocada a primeira pedra a principios de 2001, a Xunta xa fala de 2012 como data de remate. E cada ano que pase será utilizado polo PP como proba da suposta paralización que voa por riba dos tellados deseñados por Eisenman.

Preguntas no aire, sobre a oposición: ¿Manterá o PP ese distanciamento respecto a Pérez Varela? ¿Actuará a Fiscalía, e de non ser así, levará algún dos partidos o caso diante dos tribunais?

Pregunta, sobre o Goberno: ¿Deixará de levar o PSdeG o papel predominante na nova defensa do Gaiás? ¿Pasará o BNG a liderar o novo proxecto, tendo en conta que controla a Consellería de Cultura e máis a de Innovación?

E unha cousa máis. Ollo á suposta financiación do Goberno central no proxecto. Hoxe mesmo, César Antonio Molina negou tal posibilidade, pese a que en agosto situou o Gaiás como lugar clave nos actos de celebración do segundo centenario da independencia iberoamericana. Iniciativas si. Colaboración, tamén. Pero cartos…

Arquivado en: psoe, política, pp, bng, Gaiás | Comentarios (0)

O subconsciente de Baltar

Por ArturoLosada
Dec 3

Permitideme que recorra a un tema aparentemente anodino para celebrar esta re-encarnación de Animais Políticos con novos coloríns. Chego tarde xa para opinar sobre cando o BNG negociou a cabeza da ministra por competencias, en plan realpolitik 2.0, onde os acordos antes segredos entre partidos agora enchen titulares, ou sobre a lea da Fegamp, na que o PSOE preferíu a enoooorme cota de poder que lle da a presidencia da federación de municipios en lugar de quedar ben cos seus (polo de agora) eternos socios de goberno. Pero por sorte, sempre está ahí Baltar para darnos algún que outro temiña do que escribir.

O barón ouresán exerceu hoxe de nigromante na resurreción da Xunta Local do PPdeG en Ourense, un organismo que en principio serve para arranxar os asuntos internos do partido, pero que levaba 20 anos sen convocarse, porque os mencionados asuntos resólvense mellor en corredores e restaurantes que en calquera asemblea. A Xunta Local regresa, pois, agora que os populares perderon a alcaldía polos pelos e coa intención (Baltar dixit) de volver recuperar o bastón de mando do concello. É dicir, renace como unha ferramenta para facer oposición. A ver como lles sae.

Neste acto inagural, Baltar tivo ademais un momento psicoanalítico cando describíu ao presidente deste organismo redivivo, Enrique ‘Poly’ Novoa. Dixo del que é moi honrado e todas esas cousas, pero tamén que “nunca buscou ningún cargo”. Esta forma de describir a alguén que foi candidato a alcalde é, cando menos, rechamante, e encerra unha explicación malintencionada.

Podíase dicir que para Baltar, presentarse a unhas eleccións democráticas non é optar a un cargo. Podíase pensar que para Baltar, optar a un cargo é presentarse na oficina de alguén a preguntar “¿Que hai do meu?”

Arquivado en: pp, ourense | Comentarios (0)
A padiola mecánica

Animais políticos

Dentro das nosas limitadas capacidades, neste blog tentaremos facer resumo da trama desa longuísima serie que é a política galega sen resultar coñazo e esquivando os tópicos habituais na prensa, pois, de momento, non temos apoio institucional. Se non o acadamos, sodes libres de insultarnos nos comentarios.