Inimigos íntimos dentro do bipartito

Por JacoboRey
Feb 2

Que non se alarme ningún lector, non. O bipartito goza da mesma saúde que hai unha semana, e hai un mes. O que pasa é que os cruces de acusacións entre nacionalistas e socialistas empezan a ter tal magnitude que, de aquí en adiante, non lles quedará máis remedio que convivir como inimigos íntimos, como Sabina e Fito Páez. Amigos sobre a moqueta de San Caetano. Inimigos nos mítines electorais.

Esta é a primeira ocasión en que os socios de Goberno na Xunta loitarán face to face, diante dos medios e con luz e taquígrafos. Ata agora, o único proceso electoral fora o das municipais, no que apenas trascenderan liortas de importancia. Entroutros motivos, porque tampouco tiña moito sentido tirarse a louza entre eles e, días despois, verse obrigados a pactar en boa parte dos concellos galegos.

Pero as xerais son diferentes. O BNG non precisa dos socialistas para nada. E Zapatero, por moi axustado que estea o resultado final, pouco lle ten o que acaden os nacionalistas no Congreso. Moi, moi axustadas terán que estar as contas para que o PSOE precise do nacionalismo galego, aínda que isto non significa que o BNG non poida ser decisivo en Madrid. Pero ben saben na sé nacional de Rodríguez de Viguri que iso de non xogar con dúas barallas (estilo CiU ou PNV), adaptables a calquera ideoloxía e pacto, réstalle capacidade de decisión á formación frontista. Iso, engadido ao número de escanos, claro.

E con estas, empezaron os golpes. A Quintana non lle gustou o dos 400 euros de ZP. Pouco tardou o xefe de Organización dos socialistas, Ricardo Varela, en comparar esa medida co salario de liberdade que promove a Vicepresidencia. A crítica de Quintana “ten moito que ver” coa campaña electoral, dixo o político lucense.

E a cousa, lonxe de amainar, continúa. Agora toca plano acuícola. Hoxe mesmo, o BNG ofreceulle un pacto ao PSdeG para modificalo deixando tres piscifactorías. Esa proposta non foi ben acollida polos socialistas, que lles acusan de “airear” os trapos sucios do Goberno fóra de San Caetano.

Tendo en conta que aínda un mes para a cita electoral… alguén da máis?

Arquivado en: psoe, eleccións, quintana, bng

Deixa unha resposta

A padiola mecánica

Animais políticos

Dentro das nosas limitadas capacidades, neste blog tentaremos facer resumo da trama desa longuísima serie que é a política galega sen resultar coñazo e esquivando os tópicos habituais na prensa, pois, de momento, non temos apoio institucional. Se non o acadamos, sodes libres de insultarnos nos comentarios.