O vodevil do emigrante

Por ArturoLosada
Feb 19

Non hai campaña electoral na que non salte unha polémica sobre o voto da emigración. Propaganda con cheques a-legais, publicidade antes de tempo, subvencións que chegan e se ostentan en plena campaña, viaxes cun calendario de reunións moi dubidoso…

Normal, claro. Sudamérica, con tanto galego, fillo de galego e neto de galego con dereito a voto, queda lonxe e sen vixilancia,… e esas redes clientelares, maduriñas xa de tantos anos que se levan usando, axudan tamén a impor unha promoción electoral baseada nos regaliños e as paparotas.

Destes usos e costumes, seica non se libra ninguén. En terra de lobos, hai que ouvear coma eles, din en Ourense, e en tempos duros de votacións hai que aproveitar toda a vantaxe posible. E xa postos a soltar tópicos, se te pillan, négao todo.

¿Que vas a un mitin co certificado dunha subvención da Deputación de Pontevedra baixo o brazo? Pois non era para que eses pailarocos saiban a quen lle deben un favor, era para que o papel non se perdese no envío. ¿Correo electrónico, di vostede? Pero home, como se van entender os pobres velliños do centro galego co invento de internet. Iso é só algo que usan os modernos.

¿Que enviaches a unha galega de acento arxentino a que vaia porta a porta para pedir o voto, con gastos pagos por parte da Xunta? Mentira, todo mentira. Pagámoslle o billete de avión. para que fose ver á súa avoa moribunda. Se vostede ten problemas humanitarios que atender en Bos Aires, pase pola Secretaría Xeral de Emigración, que lle conseguimos un voo transoceánico nun dicir “Emilio Pérez Touriño”. E miren como no lo paga, a moi lurpia, índolle co conto á oposición.

Todo un vodevil, no que non pode faltar como contrapunto, lexislatura tras lexislatura, a promesa de implantar a votación en urna e limpalo todo de merda. Promesa que nunca se cumpre.

E logo nos estrañamos de que a xente non tome en serio a política…

Consenso e renovación no PP

Por ArturoLosada
Xan 29

Alberto Núñez Feijóo conseguiu pechar onte as candidaturas electorais do PP para A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. E menos de media hora despois, corría a contarllo aos xornalistas, coas presas propias de quen leva catro días de retraso sobre o que fan en Madrid.

Pero, por suposto, Alberto di que a demora non se debeu a discrepancias internas, non, diso no PPdeG non hai. Lembremos que durante a sucesión de Fraga, e tamén cando Baltar estivo a piques de montar unha escisión, os líderes populares non facían máis que repetir na prensa que alí todo o mundo estaba de acordo en todo. Eles son un partido cohesionado, non como eses caixóns de saste do PSOE e o BNG.

E de seguro que, con tanta unidade, todos, boinas e barretes, estiveron encantados de readmitir por sorpresa a Nava Castro, a raíña de Ponteareas. Esquecido queda xa o asuntiño aquel de romper o goberno polo plan de urbanismo. Tan esquecido que se lle dá o número 3 na lista por Pontevedra, un posto que practicamente garante un asento no Congreso

Xunto a sorpresa de Castro, temos o que Feijóo chama “renovación respetuosa” das listas, consistente en coller a xente que nunca fora candidata ao Congreso ou ao Senado, pero que leva no partido unha chea de anos. E difícil non recoñecer un nome nos postos altos. Aquí, todos xuntiños:
Feijóo&Friends
Por exemplo, os catro números un. Na Coruña, Antonio Erias, un paracaidista que foi rival de Paco Vázquez nas municipais de 1999 e que obtivo un dos peores resultados do PP na cidade. En Lugo, Joaquín García Díez, alcalde antes que Orozco. En Ourense, Celso Delgado, que xa foi cabeza de lista en 2000 e 2004. En Pontevedra, Ana Pastor, deputada dende 2000 e Ministra de Sanidade con Aznar.

Outros casos de “renovación” son Juan Juncal, ex alcalde de Ferrol, Corina Porro, ex alcaldesa de Vigo, Gerardo Conde Roa, candidato á alcaldía de Santiago en 1987 e en 2007, Arsenio Fernández de Mesa, ex delegado do Goberno en Galicia, Mª Jesús Sainz, unha das moitas ex conselleiras de Educación de Fraga, Jose Luis Torres Colomer, actual alcalde de Ribeira, Raquel Arias, alcaldesa de Sober…

Todos eles teñen unha alta probablidade de ocupar un dos escanos que outorgan os votantes galegos no Congreso ou no Senado. Unha grande reponsablidade, que consiste, ante todo, en cobrar un sobresoldo e votar si ou non segundo mande o xefe do Grupo Popular. Normal que Feijóo non queira deixala en mans de completos novatos.

Arquivado en: eleccións, pp, feijoo | Comentarios (0)

Baixar os impostos

Por ArturoLosada
Xan 10

As grandes cifras sinalan que a economía española (e a galega, por derivación), vai ben. O Estado facturou en 2007 o noveno PIB do mundo, con un crecemento anual superior ao 3%, maior que o de todos os países do entorno, e pecha cun superávit de máis de 11.000 millóns de euros. É dicir, que o Goberno ten pelas.

O malo é outros datos máis de andar por casa fan que nos, os mileuristas e sub-mileuristas, non o notemos. Principalmente, a altisima inflación e o estancamento dos salarios.

Habería moitas cousas que o Goberno podería facer cos seus cartos para mellorar o nivel de vida dos cidadáns, ideas xa tópicas como investir en I+D, reforzar a inspección de traballo, mellorar a atención sanitaria, a implantación das TIC ou pagarlle directamente a SGAE para que deixe de dar a lata. Pero semella que aos políticos sempre se lles ocorre a mesma solución: baixar os impostos.

Vale que pagar o IRPF, o IVA, o IBI o Imposto de Sociedades e todas esas cousas é unha lata co pouco que cobramos, vale que os impostos en España cargan de máis as tintas nas rendas medias. Nese sentido, medidas como a de reducir o Tributo de Sucesións nos tramos que afectan sobre todo aos autónomos e os agricultores, pode ser unha medida razoable. Pero non se pode esquecer que son a principal fonte de ingresos do Estado.

Podemos coller ese símil que tanto lles gusta aos neoliberais e imaxinarnos que o Estado é unha empresa. Colle un bo momento económico, deseña un bo produto e comeza a atraer clientes. E os xefes fórranse. Pero dálles a tolemia e en vez de reinvestilos na compañía, para diversificar negocio, innovar ou cousas desas, deciden baixar os prezos e comezar a vender por baixo do custo de produción… máis lle vale comezar a investir ben en bolsa se non quere ir ao tacho.

Señores políticos, por favor. Non é cuestión de quitarnos os impostos. É cuestión de facer algo sensato cos cartos que cobran grazas a eles.

Arquivado en: economía | Comentarios (5)

O subconsciente de Baltar

Por ArturoLosada
Dec 3

Permitideme que recorra a un tema aparentemente anodino para celebrar esta re-encarnación de Animais Políticos con novos coloríns. Chego tarde xa para opinar sobre cando o BNG negociou a cabeza da ministra por competencias, en plan realpolitik 2.0, onde os acordos antes segredos entre partidos agora enchen titulares, ou sobre a lea da Fegamp, na que o PSOE preferíu a enoooorme cota de poder que lle da a presidencia da federación de municipios en lugar de quedar ben cos seus (polo de agora) eternos socios de goberno. Pero por sorte, sempre está ahí Baltar para darnos algún que outro temiña do que escribir.

O barón ouresán exerceu hoxe de nigromante na resurreción da Xunta Local do PPdeG en Ourense, un organismo que en principio serve para arranxar os asuntos internos do partido, pero que levaba 20 anos sen convocarse, porque os mencionados asuntos resólvense mellor en corredores e restaurantes que en calquera asemblea. A Xunta Local regresa, pois, agora que os populares perderon a alcaldía polos pelos e coa intención (Baltar dixit) de volver recuperar o bastón de mando do concello. É dicir, renace como unha ferramenta para facer oposición. A ver como lles sae.

Neste acto inagural, Baltar tivo ademais un momento psicoanalítico cando describíu ao presidente deste organismo redivivo, Enrique ‘Poly’ Novoa. Dixo del que é moi honrado e todas esas cousas, pero tamén que “nunca buscou ningún cargo”. Esta forma de describir a alguén que foi candidato a alcalde é, cando menos, rechamante, e encerra unha explicación malintencionada.

Podíase dicir que para Baltar, presentarse a unhas eleccións democráticas non é optar a un cargo. Podíase pensar que para Baltar, optar a un cargo é presentarse na oficina de alguén a preguntar “¿Que hai do meu?”

Arquivado en: pp, ourense | Comentarios (0)

Antón Losada, o reverso tenebroso

Por ArturoLosada
Set 6

A estas horas todas as portadas dos medios galegos en internet coinciden en destacar o mesmo: O Consello da Xunta cesou a Antón Losada, a petición propia. Marcha o odiado número dous de Quintana sen moito ruído e sen máis declaración que “voume porque é a fin dun ciclo”.

Había insistentes rumores da súa marcha dende maio, polo menos. O secretario xeral acumulou demasiadas polémicas absurdas, como o enfrontamento con El País porque falaran mal de Superpiñeiro, a bronca con Méndez Romeu por un quítame aló ese cartel e a revolta mediática para aclarar que non maltrataba a súa criada. Os inimogos medráronlle e mesmo se dixo que presentaría a súa dimisión tras as municipais, pero vese que os malos resultados do BNG (por moito que eles digan, foron malos) non aconsellaban tal mostra de debilidade. Pero vendo o caladiño e moderado que estivo Antón durante todo o verán, semella que xa tiña a decisión tomada, antes da batalla do himno e o veto da TVG.

Losada era, sen lugar a dúbidas, o alto cargo máis coñecido da Xunta (¿alguén que non sexa político nin xornalista sabería nomear a outro secretario xeral?), porque as súas funcións ían moito máis aló do que se lle supón a secretaría xeral de Relacións Institucionais. Máis que a negociar competencias con Madrid, Losada xogaba a ser o reverso tenebroso de Quintana, ese asesor que todos os políticos teñen e que serve para expresar opinións impopulares e darlle caña inclemente á oposición (ou ós socios de goberno, adepende). Iso foi Xaime Pita para Fraga, e iso é Pepiño Blanco para ZP.

Este señor da Mariña levaba tamén de modo oficioso a política de comunicación da Vicepresidencia e, algo menos, a das consellerías do BNG . Nunca se recoñeceu oficialmente, pero era un segredo a berros, os berros que Losada lle pegou a máis dun responsable mediático por non poñer os titulares que el quería. Hoxe en moitas redaccións brindarase polo cesamento.

E tamén, como home polifacético que era, sabía de márquetin político (perdóeme a palabrota, señor Pérez) e tivo tamén moito que ver coa construcción da personaxe de Anxo Quintana Vicepresidente, ese que baila con vellas (coas nosas maiores) e que lles chama galescolas ás garderías.

Moitos cargos para unha soa persoa, e en todos se extralimitou Losada, nun interese desmedido por empregar e demostrar o poder que tiña. Foi demasiado tenebroso, demasiado agresivo cos medios, e demasiado producto de márquetin. Por iso non lle caía ben a ninguén, nin dentro nin fóra do BNG, aínda que agora que ven pasar o cadáver do inimigo todo sexan palabras amables.

Queda por ver agora como camiñará Quintana sen o bastón no que se converteu o seu asesor personal nestes últimos anos.

Arquivado en: política, bng | Comentarios (0)

Voceiro en lugar do voceiro

Por ArturoLosada
Set 5

Na Xunta de Portavoces, ese organismo de decide os asuntos que se tratarán nos plenos parlamentarios, falouse moito onte da Cidade da Cultura. Seica hai acordo para investigar nunha comisión parlamentaria un asunto que estaría moito mellor nos tribunais, porque a comisión non pode multar a ninguén, nin metelo no caldeiro tampouco, por moitos indicios de delcitos ou faltas que atope. O lobo non come carne de lobo, e ós políticos non lles gusta meter ós gobernos anteriores en tribunais, por se acaso lles fan o mesmo a eles nun futuro.

Pero na Xunta de Portavoces revelouse outra noticia que pasou desapercibida entre o rebumbio do Gaiás: Manuel Ruíz Rivas, que ata o de agora era viceportavoz do PP, substituíu a Xosé Manuel Barreiro como voceiro do Grupo Popular no Hórreo. A cadeira do portavoz, aínda que non reporta un poder real, é moi cotizada porque garante que un vai saír moito nos medios de comunicación. Cando Barreiro apoiou a Núñez Feijóo para ser o sucesor de Fraga, obtivo para el unha vicepresidencia do PP con máis ben poucas competencias, o dereito a facer o que quixera na provincia de Lugo (por exemplo, botar fóra a Cacharro Pardo) e a portavocía do Grupo Parlamentario, o cargo con máis visibilidade despois do de líder supremo.

Porén, Barreiro viuse obrigado a recoller velas tras as municipais e a enorme cagada que supuxo perder a Deputación de Lugo, algo que só prevían as enquisas máis optimistas do PsdeG e no que o enfrontamento con Cacharro tivo abondo que ver. O PP en xeral, e Feijóo en particular, non lle dedicaron nin siquera unha lagrimiña de despedida, aló marchaba un dos poucos que, en teoría, se saía da líña actual do partido, unha liña que comeza na engominada cabeza de Feijóo e remata nas mesmas barbas de Rajoy.

Tras a retirada do home do ‘boirrete’, o PP gardou un silencio absoluto sobre quen o subtituiría (encantalle iso de gardar silencio sobre os asuntos internos, ao PP). Mesmo se especulaba coa posibilidade de que o propio Alberto Núñez asumise a portavocía parlamentaria, zarandeando un pouco o equilibrio interno imposto polo pacto da sucesión entre a xente de Feijóo (anteriormente coñecidos como xente de Romay Beccaría), a xente de Barreiro e a xente de Baltar. Pero os vaticinios non se cumpriron, o voceiro en lugar do voceiro será Ruíz Rivas, un home (teóricamente) na liña ‘boirretil’, aínda que máis agresivo nas súas declaracións do que nunca foi Barreiro.

Ruíz Rivas e un (outro) coruñés para a primeira liña política, que se formou na Deputación da Coruña e no concello de Ribeira, xunto a un liberal sen escrúpulos como José Luis Torres Colomer. Tamén é un dos deputados que máis tempo levan no Hórreo, dende 1993, concretamente. É un tipo de perfil duro e de verbas aínda máis duras. Pero, por sorte, o PP non escolleu como substituto de Barreiro ao outro viceportavoz, Roberto Castro, un dos maiores demagogos que se sentan no hemiciclo. Miren que agora xa non son moi serios, pero el os debates podían terse convertido en programas de Salsa Rosa.

Arquivado en: política, pp | Comentarios (2)

¿Que din os rumorosos?

Por ArturoLosada
Ago 24

Ben, xa é oficial. Anxo Quintana conseguiu iniciar unha polémica estéril. O home andaba aburrido, todo agosto en Allariz tirado á bartola e entroulle gana de que falasen del os xornais de aquí e os de Madrid. E entre todas as cousas que podía facer para lograr tal obxectivo, como propoñer un referendo para a independencia segundo a moda escocesa ou subirse espido ó escenario no concerto da Banda Bassotti en Ferrol, o noso Quin escolleu pedir que todos os nenos saiban a letra do himno galego, agora que se achega o seu centenario. (vaia vostede a saber quen lle suxeriu a idea). E a xogada saíulle ben, fixéronlle caso. Demasiado, diría eu.

Porque, non nos enganemos, os himnos nacionais só son útiles só para cantar nos actos públicos, nas manifas e nos partidos de fútbol, e dá exactamente igual que os nenos (e os políticos) os saiban ou non de memoria , mentres non lles fagan comezar todas as clases (ou consellos da Xunta) cantándoo en pé e coa man no corazón. Aprenderse un poema de memoria nunca pode ser malo pero persoalmente, me preocupa moito máis que a xente descoñeza para que vale o Estatuto ou como funciona o Parlamento, aínda que ninguén semella estar interesado en que se explique iso nos plans de estudos.

Tampouco son un gran admirador de Pondal (adoito preferir poetas que non lle canten ó estupro), nin considero que unha espesa louvanza ós pinos e ós celtas “oficialice os sentimentos de Galicia”, como di Quintana. Agora ben, hai que ter pouca comprensión lectora e poucos coñecementos históricos para afirmar, como fixeron en el Mundo que Os Pinos insulta a quen non entende o galego (e non poño o enlace directo porque é un artigo de pago, que cousa). Se eu son profesor de literatura, lle pido a un rapaz que me faga un comentario de texto sobre este poema e me pon iso, ten un suspenso como unha casa. Pero vindo do diario de Pedro J., o único que sorprende é que non relacionaran a Pondal con ETA.

E, tras o rebumbio de protestas no mundo da cultura e adxacentes, chega á polémica pondaliana o ilustre galego no exilio, Mariano Rajoy, que demostra que é un verdadeiro home de rúa, capaz de ter opinións paisanas coma calquera parroquiano nunha taberna, e nos di: “Mellor estudar inglés que o himno”, deixando co cu ó aire o seu (teórico) compañeiro de partido Diego Calvo e demostrando que o seu nivel de discurso político está en números negativos. Alomenos non prometeu que incluiría o ensino de linguas estranxeiras no Plan Galicia cando sexa presidente.

De seguro que a celebración do centenario da melodía de Pascual Veiga vai ser moi divertida. Ó mellor ata opina Touriño e todo.

Arquivado en: política, fume | Comentarios (1)

¿Pérez Varela nos tribunais?

Por ArturoLosada
Ago 16

Levei unha boa sorpresa lendo a información do día. Di Antonio López, conselleiro maior do Consello de Contas (obrigada redundancia) que o lóxico sería que houbera sancións xudiciais para os membros do ex goberno de Fraga polo ter tirado tantos cartos públicos ó lixo coa Cidade da Cultura. É a típica cousa que diría o xefe da oposición tranquilamente á hora de almorzar, pero ver esas palabras en boca do representante dun deses órganos pretendidamente independentes do Goberno non deixa de ser novidoso.

Aclaro o conto. O señor López remítese ao informe que o Consello de Contas, un organismo que se encarga de revisar os gastos da Xunta, fixo sobre o ano 2004 (e que puidemos ler a finais de xullo deste ano con velocidade funcionarial). A tal auditoría pon a caer dun burro a xestión do mausoleo do Gaiás. Evidentemente, nese período todas as críticas lle caían a Fraga, cousa doada agora que anda aló no Senado, pero nas conclusións tamén se lle daba un croque á señorita Bugallo pola indeterminación coa que se enfrontou a tan infumable proxecto.

Mentres socialistas e nacionalistas rachaban as vestiduras e trataban de deixar claro que eles non gobernaban no 2004, a CIG fixo algo realmente sensato e pediulle a Fiscalía que investigue cantas faltas e/ou delictos lles poden caer os ex gobernantes polos feitos que se detallan nese informe. E o recén nomeado conselleiro maior lle parece ben a idea.

Dubido que a CIG, sindicato nacionalista, non actuaría igual se o informe de 2006 (nos seus monitores en xullo de 2010) dálle un pau comparable á actual conselleira. Non sei se o señor Antonio López, afín ó PsdeG, estaría disposto a asinar unha auditoría tan crítica nos anos vindeiros. Pero, malos a parte, estamos ante un feito inédito neste país e neste Estado: que se lle esixa verdadeira responsabilidade aos políticos pola súa xestión.

Que eu lembre, o máis parecido que vin a unha represalia á clase política foi a dimisión de Cuiña cando o Prestige, e foi máis un sacrificio a Aznar que outra cousa. Aquí vese normal e ata correcto mangonear cartos públicos. Aquí o normal é facer teatro nos medios, non acudir ó poder xudicial. Por iso este asunto me parece digno de atención, e aínda que non foi a Xunta a que chamou ó fiscal, como tería sido correcto, polo menos comezamos a ver que un deses pretendidos órganos de control do Goberno fai o seu traballo e apoia a vía xudicial. Así é como se supón que teñen que funcionar as cousas.

¿Podemos crer que os novos conselleiros de contas van tomar en serio o seu papel? Eu non diría tanto, pero sería fermoso, e máis fermoso aínda que o fiscal se animase a presentar cargos e que lles caese unha boa sentenza a Pérez Varela e o seu gabinete. Se iso sucede, comezarei a pensar que estamos nun país civilizado no que a separación de poderes non é só un conto para nenos.

Editado: O que son as cousas. Se antes abre un a boca, antes descubre que estaba equivocado. O señor Antonio López retractouse das súas palabras e botoulle á culpa ós xornalistas de malinterpretalas (un clásico do escaqueo). El só dixo que, en algúns informes do Consello de Contas atópanse delictos, pero non ten ningún interese en que se xulgue a ninguén por eles. Total, só malversaron fondos públicos ¿Quen non fixo eso algunha vez na vida? ¡Que país este!

Non hai nada que ofrendar

Por ArturoLosada
Xull 26

Presuntamente, vivimos nun Estado laico e aconfesional. Tan presuntamente como que todos os cidadáns son iguais ante a lei. Iso pon a Constitución, pero cousas como o secuestro de El Jueves por meterse co Grande Herdeiro Borbónico fannos dubidar da segunda afirmación. E cousas como a Ofrenda ó Apóstolo poñen a primeira en entredito.

Cada 25 de xullo éme imposible reprimir o repelús que me dá ver a un representante do Estado na Catedral posto de xeonllos para pedirlle cousas a un señor que, presuntamente tamén, leva 2.000 anos morto. Nas últimas décadas pasaron relixiosamente (como non) pola cerimonia o presidente da Xunta, a presidenta do Parlamento, o alcalde de Santiago, e o noso monarca constitucional desigualitario (só se cadra Xacobeo), a pedirlle os dubidosos restos mortais do Apóstolo que acabe co terrorismo, co paro, co maltratamento e que nos traía o AVE. Salta a vista que Santiago o Maior non é nada eficaz, normal, os mortos non adoitan ter moita capacidade de actuación fóra dos filmes de George A. Romero, pero en todo caso a ofrendiña serve para que o arcebispo de Compostela nos lembre, vía televisión e radio públicas, que o cristianismo é a verdade e que non seguilo podre as almas dos homes e fai que se lles caian dos dentes.

Non nego que a relixión non me inspira a máis mínima confianza ¿como darlle crédito a alguén que afirma que todo o que un precisa saber está nun só libro? Pero, fobias persoais a parte, o malo da Ofrenda de marras é un claro sometemento do poder terreal ó poder relixioso, ó máis puro estilo do Antigo Réxime, unha cerimonia que reafirma o poder social da Igrexa Católica e que, sendo estritos, podería ser impugnada como inconstitucional. ¿Por que non se anima o BNG a organizar unha recollida de sinaturas nese sentido?

Arquivado en: relixión | Comentarios (0)

Eu as cousas difíciles non as entendo…

Por ArturoLosada
Xull 18

Algo se move no PPdeG. Mentres os outros dous partidos con representación parlamentaria permanecen aletargados polo (presunto) verán, agás excepcións puntuais e provinciais, Feijóo está á que salta… posuído, sen dúbida, por ese extraño espírito que se chama “precampaña“.

Oprimus inter pares do PPdeG, anda máis esquizofrénico que nunca. Primero mételle dinamina a lonxeva pax lingüística e bota para atrás un decreto que antes aprobara, con argumentos tan inapelables como o que puidemos ler esta semana “Antes a lingua materna era a dos pais, non a do goberno”. ¿Vale iso tamén para os fillos dos inmigrantes marroquís e subsaharianos? Temo que nunca o saberemos.

Non contento con iso, convértese tamen no defensor e paladín de Marianosh e insiste en que hai que cambiar a Lei Electoral para que gañe o que teña máis votos, pola conta que lles ten. Tal demanda é unha versión remasterizada do clásico “en mi casa jugamos así”, pensada para facer que as únicas minorías que teñan voz sexan as minorías millonarias. Poderíase criticar máis aló, pero non é necesario cando o propio Feijóo declarou e declara (aquí mesmo, cara o medio da entrevista) que está disposto a aproveitarse da Lei que tanto lle molesta, e proponlle un (difícil) pacto ó Bloque, ó estilo dos seus compañeiros en Canarias.

Uns ollos inexpertos verían aquí unha contradicción, pero iso é porque non coñecen a Feijóo, que se explica como un sofista grego: «Lo que no puede ocurrir es que propongamos antes, durante y después de las elecciones que gobierne la lista más votada, se nos diga que no somos capaces de pactar con nadie y encima se nos prohíba pactar con alguien». E ponlle punto final ó debate: «Es muy difícil de entender y yo las cosas difíciles de entender no las entiendo».

Arquivado en: pp | Comentarios (0)
A padiola mecánica

Animais políticos

Dentro das nosas limitadas capacidades, neste blog tentaremos facer resumo da trama desa longuísima serie que é a política galega sen resultar coñazo e esquivando os tópicos habituais na prensa, pois, de momento, non temos apoio institucional. Se non o acadamos, sodes libres de insultarnos nos comentarios.

Comentarios recentes