Arquivo para a categoría conde roa.

Adeus aos graneiros do PP

Por JacoboRey
Mai 28

Pasadas as eleccións cada formación política realiza as súas análises e valoracións. E sendo este o caso duns comicios locais, raro é que os partidos acaden victorias rotundas ou fracasos estrepitosos. Habendo 7 cidades e 315 concellos resulta complicado non apañar boa colleita.
Pero as cifras non enganan. Os datos son poderosos, non deixan lugar a engano ou a dobres lecturas. E no 27-M hai un claro vencedor, o PSdeG; uns que se manteñen con matices, o BNG; e outros que perden votos e poder, o PPdeG. Guste ou non.
Collendo lapis e calculadora, resulta que o Partido Popular vén de quedarse sen 84 concelleiros en Lugo e outros 84 concelleiros en Ourense. Aí perdeu as eleccións o partido de Núñez Feijoo, e xa de paso, deixouse polo camiño a todopoderosa Deputación de Lugo, institución clave no control e financiamento dos concellos lucenses.
A caída da dereita no rural galego contrasta co bo comportamento nas cidades, onde precisamente ninguén daba un duro polo PP. Subiu Conde Roa en Santiago, Negreira na Coruña e Juncal mantivo o tipo. Tamén o fixeron Telmo Martín en Pontevedra e Corina en Vigo. Pero ese esforzo resultou inútil. Co sistema electoral vixente no país, e co tripartidismo preponderante en Galicia, tanto ten que Conde Roa obteña 2 ou 12 concelleiros. Na práctica tenche o mesmo valor: o da oposición.

PSdeG: vencedor

O claro gañador dos comicios é o PSdeG. Os socialistas -salvo traizóns inesperadas- gobernarán en todas as cidades salvo en Pontevedra. Tamén liderarán a Deputación de Lugo e a da Coruña, e un puñado de votos impediu que Louro presida a de Pontevedra. Touriño estaba radiante, moito máis que nas pasadas eleccións autonómicas, cando contaba con varrer a Fraga e ao final acabou sufrindo no reconto emigrante de Pontevedra.
Nin Touriño contaba con semellantes resultados: con gañar 55 concelleiros en Lugo, outros 55 en Ourense, 37 en Pontevedra e 43 na Coruña. Dunha tallada, o PSdeG métese de cheo na vida municipal das provincias do interior e consolida a súa hexemonía nas cidades, con dous pequenos lunares: a Deputación de Pontevedra, que ata o 90% estivo nas mans socialistas, e as preocupantes baixadas de Bugallo, Losada e Orozco. Hai quen ve unha certa relaxación nos votantes, ou un medo ás maiorías absolutas.

BNG: claros e sombras

En canto ao BNG, os nacionalistas teñen material dabondo para facer unha única valoración. En xeral, os nacionalistas lograron incrementar o número de concelleiros en Lugo (12), Ourense (28) e A Coruña (27), e perder un só edil en Pontevedra. En menor medida que o PSdeG, pero tamén empeza a darse a coñecer nos concellos rurais galegos, onde ata agora eran pouco menos que uns descoñecidos.
Mais Quintana non tiña boa faciana, por algunhas razóns: a caída de Fernández Lores en Pontevedra, a única cidade en poder do BNG; o estrepitoso tortazo en Ferrol, onde perden a condición de ‘chave de goberno’ en favor de Esquerda Unida; ou o feito de que aínda sexan moi poucos os concellos gobernados por nacionalistas. Motivos dabondo para reflexionar.
En troques, o de Allariz ten un as na manga dun valor incalculable: exceptuando Ferrol, os votos do BNG serán imprescindible para que o PSdeG poida gobernar nas sete cidades galegas, incluindo o simbólico que resulta que o BNG teña algo que dicir na Coruña. Salvando as distancias, é o máis parecido a aquela dulce derrota que sufriu Felipe González ante Aznar.

MARÉS, ENQUISAS E ELECCIÓNS

Por MarcosPerez
Mai 18

Ninguén sabe con certeza o que pasará o 27 de maio. Hai enquisas, claro, pero as enquisas non son infalibles. As enquisas son moi certeiras á hora de reflectir a intención de voto directa, pero hai unha certa proporción de voto oculto e de votantes indecisos que poden decidir o resultado, sobre todo naqueles lugares nos que as cousas están moi axustadas. Hai que saber facelas, que a “cociña”, que é a verdadeira artesanía das enquisas, consiga que esa simulación se pareza o máis posible á realidade. De igual xeito, un dos principais problemas das enquisas é que por moi ben que se fagan, non deixan de ser fotos fixas, amosan un estado de opinión nun momento dado. Polo tanto, hai que saber ler as tendencias que amosan estas sondaxes.

Porque hai tendencias, marés que se perciben en cada Concello, a favor ou en contra de cada candidato. No fondo, esas cousas sábense, nótanse. Sábeno os políticos de todos os partidos, sábeno os xornalistas, e sábeno os votantes. Contra eses movementos de arrastre é difícil loitar, e moitas veces o máis que poden facer os candidatos con novas propostas, declaracións, propaganda ou fotos, é minimizar os seus efectos.

En Santiago fálase cada vez máis abertamente da posibilidade de que Bugallo acade a maioría absoluta. Entre outras cousas porque Conde Roa e Néstor Rego non conseguen introducir os seus temas na campaña e semella difícil atopar un asunto potente para atacar ao candidato do PSOE.

En Vigo, pola contra, é o aspirante socialista o que non levanta cabeza. A Caballero estáselle facendo demasiado longa unha campaña na que partía con todas as vantaxes. Pola contra, Corina Porro afiánzase cada día máis e a maioría absoluta non parece un obxectivo imposible. Do mesmo xeito, a campaña de Santi Domínguez está logrando mobilizar o electorado nacionalista e de esquerdas da cidade, e no BNG comezan a soñar coas opción (pequenas pero crecentes) de recuperar a primeira cidade de Galicia.

En Ourense, a pelexa é cada vez máis cousa de dous: Enrique Novoa e Alexandre Sánchez Vidal, cunha campaña na que vai adquirindo progresivamente unha imaxe de alcalde, algo moi importante para gañar unhas eleccións. Finalmente, en Ferrol a campaña de Juncal desínflase por momentos e a vitoria de Irisarri pode ser histórica.

A padiola mecánica

Animais políticos

Dentro das nosas limitadas capacidades, neste blog tentaremos facer resumo da trama desa longuísima serie que é a política galega sen resultar coñazo e esquivando os tópicos habituais na prensa, pois, de momento, non temos apoio institucional. Se non o acadamos, sodes libres de insultarnos nos comentarios.