Baixar os impostos
Por ArturoLosada
Xan 10As grandes cifras sinalan que a economía española (e a galega, por derivación), vai ben. O Estado facturou en 2007 o noveno PIB do mundo, con un crecemento anual superior ao 3%, maior que o de todos os países do entorno, e pecha cun superávit de máis de 11.000 millóns de euros. É dicir, que o Goberno ten pelas.
O malo é outros datos máis de andar por casa fan que nos, os mileuristas e sub-mileuristas, non o notemos. Principalmente, a altisima inflación e o estancamento dos salarios.
Habería moitas cousas que o Goberno podería facer cos seus cartos para mellorar o nivel de vida dos cidadáns, ideas xa tópicas como investir en I+D, reforzar a inspección de traballo, mellorar a atención sanitaria, a implantación das TIC ou pagarlle directamente a SGAE para que deixe de dar a lata. Pero semella que aos políticos sempre se lles ocorre a mesma solución: baixar os impostos.
Vale que pagar o IRPF, o IVA, o IBI o Imposto de Sociedades e todas esas cousas é unha lata co pouco que cobramos, vale que os impostos en España cargan de máis as tintas nas rendas medias. Nese sentido, medidas como a de reducir o Tributo de Sucesións nos tramos que afectan sobre todo aos autónomos e os agricultores, pode ser unha medida razoable. Pero non se pode esquecer que son a principal fonte de ingresos do Estado.
Podemos coller ese símil que tanto lles gusta aos neoliberais e imaxinarnos que o Estado é unha empresa. Colle un bo momento económico, deseña un bo produto e comeza a atraer clientes. E os xefes fórranse. Pero dálles a tolemia e en vez de reinvestilos na compañía, para diversificar negocio, innovar ou cousas desas, deciden baixar os prezos e comezar a vender por baixo do custo de produción… máis lle vale comezar a investir ben en bolsa se non quere ir ao tacho.
Señores políticos, por favor. Non é cuestión de quitarnos os impostos. É cuestión de facer algo sensato cos cartos que cobran grazas a eles.
