O vodevil do emigrante
Por ArturoLosada
Feb 19Non hai campaña electoral na que non salte unha polémica sobre o voto da emigración. Propaganda con cheques a-legais, publicidade antes de tempo, subvencións que chegan e se ostentan en plena campaña, viaxes cun calendario de reunións moi dubidoso…
Normal, claro. Sudamérica, con tanto galego, fillo de galego e neto de galego con dereito a voto, queda lonxe e sen vixilancia,… e esas redes clientelares, maduriñas xa de tantos anos que se levan usando, axudan tamén a impor unha promoción electoral baseada nos regaliños e as paparotas.
Destes usos e costumes, seica non se libra ninguén. En terra de lobos, hai que ouvear coma eles, din en Ourense, e en tempos duros de votacións hai que aproveitar toda a vantaxe posible. E xa postos a soltar tópicos, se te pillan, négao todo.
¿Que vas a un mitin co certificado dunha subvención da Deputación de Pontevedra baixo o brazo? Pois non era para que eses pailarocos saiban a quen lle deben un favor, era para que o papel non se perdese no envío. ¿Correo electrónico, di vostede? Pero home, como se van entender os pobres velliños do centro galego co invento de internet. Iso é só algo que usan os modernos.
¿Que enviaches a unha galega de acento arxentino a que vaia porta a porta para pedir o voto, con gastos pagos por parte da Xunta? Mentira, todo mentira. Pagámoslle o billete de avión. para que fose ver á súa avoa moribunda. Se vostede ten problemas humanitarios que atender en Bos Aires, pase pola Secretaría Xeral de Emigración, que lle conseguimos un voo transoceánico nun dicir “Emilio Pérez Touriño”. E miren como no lo paga, a moi lurpia, índolle co conto á oposición.
Todo un vodevil, no que non pode faltar como contrapunto, lexislatura tras lexislatura, a promesa de implantar a votación en urna e limpalo todo de merda. Promesa que nunca se cumpre.
E logo nos estrañamos de que a xente non tome en serio a política…
