Arquivo para a categoría enquisas.

Festa da democracia

Por JacoboRey
Mai 27

Hai escasamente unha hora que se iniciou o 27-M. Hoxe temos día de eleccións, e a diferenza do que sucedeu durante a campaña, agárdanos un día do máis tópicos. Non haberá chapuzóns electorais, nin esperas electorais, nin paseos pola ría electorais, nin nada de nada…

Salvo novidade no discurso, os principais líderes políticos galegos e estatais apelarán unha vez máis a responsabilidade de cadaquén para que saia da casa e vaia votar. Visto o discreto éxito dos mítines e actos políticos dos nosos candidatos, fan ben e animar ao persoal, non sexa que o Pay Per View e a Misa das doce poida máis que os colexios electorais.

E nese discurso, seguro que tampouco falta o recurrente calificativo de «Festa da democracia» para calquera tipo de comicio electoral que se precie. ¿En realidade credes que os votantes conciben (concebimos) o dereito ao voto como algo para celebrar? Se cadra no 1977, si. Ou nos rexímenes totalitarios, tamén. A primeira vez que votas fai ilusión. A segunda, inda che anima. Pero a cousa vai a peor a medida que pasan os anos… algo irremediable.

Estaría ben que máis aló de preguntar a opción política elixida, os enquisadores a pie de urna preguntasen o motivo da súa visita. Vostede que fai aquí? Por que veu votar? Quen sabe o tipo de respostas que darían.

MARÉS, ENQUISAS E ELECCIÓNS

Por MarcosPerez
Mai 18

Ninguén sabe con certeza o que pasará o 27 de maio. Hai enquisas, claro, pero as enquisas non son infalibles. As enquisas son moi certeiras á hora de reflectir a intención de voto directa, pero hai unha certa proporción de voto oculto e de votantes indecisos que poden decidir o resultado, sobre todo naqueles lugares nos que as cousas están moi axustadas. Hai que saber facelas, que a “cociña”, que é a verdadeira artesanía das enquisas, consiga que esa simulación se pareza o máis posible á realidade. De igual xeito, un dos principais problemas das enquisas é que por moi ben que se fagan, non deixan de ser fotos fixas, amosan un estado de opinión nun momento dado. Polo tanto, hai que saber ler as tendencias que amosan estas sondaxes.

Porque hai tendencias, marés que se perciben en cada Concello, a favor ou en contra de cada candidato. No fondo, esas cousas sábense, nótanse. Sábeno os políticos de todos os partidos, sábeno os xornalistas, e sábeno os votantes. Contra eses movementos de arrastre é difícil loitar, e moitas veces o máis que poden facer os candidatos con novas propostas, declaracións, propaganda ou fotos, é minimizar os seus efectos.

En Santiago fálase cada vez máis abertamente da posibilidade de que Bugallo acade a maioría absoluta. Entre outras cousas porque Conde Roa e Néstor Rego non conseguen introducir os seus temas na campaña e semella difícil atopar un asunto potente para atacar ao candidato do PSOE.

En Vigo, pola contra, é o aspirante socialista o que non levanta cabeza. A Caballero estáselle facendo demasiado longa unha campaña na que partía con todas as vantaxes. Pola contra, Corina Porro afiánzase cada día máis e a maioría absoluta non parece un obxectivo imposible. Do mesmo xeito, a campaña de Santi Domínguez está logrando mobilizar o electorado nacionalista e de esquerdas da cidade, e no BNG comezan a soñar coas opción (pequenas pero crecentes) de recuperar a primeira cidade de Galicia.

En Ourense, a pelexa é cada vez máis cousa de dous: Enrique Novoa e Alexandre Sánchez Vidal, cunha campaña na que vai adquirindo progresivamente unha imaxe de alcalde, algo moi importante para gañar unhas eleccións. Finalmente, en Ferrol a campaña de Juncal desínflase por momentos e a vitoria de Irisarri pode ser histórica.

A padiola mecánica

Animais políticos

Dentro das nosas limitadas capacidades, neste blog tentaremos facer resumo da trama desa longuísima serie que é a política galega sen resultar coñazo e esquivando os tópicos habituais na prensa, pois, de momento, non temos apoio institucional. Se non o acadamos, sodes libres de insultarnos nos comentarios.