Arquivo para a categoría incendios.

Menos mal que chove…

Por ArturoLosada
Xull 11

Veña, xa vai sendo tempo de reactivar o blog este ¿non?

A maioría dos galegos andan dende do 21 de xuño botando pestes contra este clima atlántico tan noso. Que se xa é verán e non vimos máis que néboa e choiva, que se que asco de tempo, que se así non hai quen pise a praia… Ben, razón non lles falta, pero hai que mirarlle tamén o lado bo ó asunto. E non falo da fermosura dos ceos grises, cantada por Siniestro Total, falo de que é unha sorte que chova, porque hoxe en día o mal tempo semella ser o único capaz de librarnos dunha nova crise de lumes forestais.

Moita boa intención o ano pasado, moito Pladiga anunciado a bombo e platillo, e moito exército nos montes, pero a Consellería do Medio Rural non conseguíu que Galicia deixase de ser altamente inflamable. Non se reformou o sistema de queimas autorizadas, que segue a ser un dos máis permisivos do Estado (na comunidade con máis incendios… sen comentarios). Non se lle meteu man ó principal punto feble dos servizos de extinción, as cuadrillas municipais, que de sempre serviron para colocar ós cuñados inútiles dos alcaldes e cuxa reforma quedou no limbo no que están as negociacións do Pacto Local. E tampouco se reforzaron realmente os efectivos da Xunta, quen, segundo os seus líderes sindicais, están peor que antes (o que significa, que como pouco, non melloraron en nada) e inda por riba ameazan con ir á folga.

O severo cabreo no colectivo dos axentes forestais vai máis aló. Eses tipos son os que coidan os montes todo o ano e que, como coñecen o terreo e a forma na que se espalla o lume, tamén coordinan os equipos de extinción. De sempre, os axentes forestais teñen queixas sobre as cuadrillas municipais (esas que non se reforman) porque o 90% dos seus integrantes carecen de formación e non teñen nin idea de que facer perante un incendio. E resulta que ¿como se reforza a vixiancia dos montes este ano? Co exército, si, e con voluntarios, os que se lles da un folleto e un cursiño dun día. O principal temor é que, dado o elevado número de queimas autorizadas (esas que non se reforman), a radio dos axentes forestais estea todo o día ocupada con falsas alarmas. Carne de pposición, vexan.

Así que deixen que chova, que chova, e toquemos madeira (de eucalipto, claro). Con sorte, o clima atlántico librararos doutro agosto como o de 2006, e regalaralle un ano máis o señor Alfredo Suárez Canal para enfrontarse a estes problemiñas, a ver se tal. E se teñen ganas de ir á praia, aproveiten as vacacións para ir o Algarve, que din que é fermoso nesta época do ano.

A padiola mecánica

Animais políticos

Dentro das nosas limitadas capacidades, neste blog tentaremos facer resumo da trama desa longuísima serie que é a política galega sen resultar coñazo e esquivando os tópicos habituais na prensa, pois, de momento, non temos apoio institucional. Se non o acadamos, sodes libres de insultarnos nos comentarios.

Comentarios recentes