Arquivo para a categoría medio ambiente.

TOMAR PARTIDO

Por MarcosPerez
Ago 18

Hai veces en que hai que tomar partido. Hai situacións ou conflitos sociais nos que non se pode estar en dous bandos a un tempo, aínda que a priori ambas opcións sexan respectables e importantes para determinados colectivos sociais. Nas últimas décadas estanse producindo decote choques entre dous conceptos: o da produción, ben industrial ou agrícola, entendida como crecemento económico; e o da conservación do medio ambiente. E un punto de inestable equilibro: o desenvolvemento sostible.

Nas últimas semanas os temarios informativos están inzados de conflitos sociais con esta estrutura. A nivel global temos o difícil asunto dos biocombustibles, defendidos pola administración norteamericana (necesitada de alternativas ao petróleo) e por Lula (por ser Brasil e a súa cana de azucre o principal produtor mundial); e criticados por Chávez (cuxa influencia internacional podería perigar), grupos ecoloxistas e por distintos colectivos que alertan dos perigos de potenciar unha tecnoloxía que xa fixo aumentar o prezo dos cereais un 50% e provocar fames xeneralizadas no terceiro mundo, como xa sucedeu en México.

En Galicia temos igualmente numerosos exemplos. Por unha banda, os discursos en defensa do crecemento económico e o desenvolvemento industrial nas minas do Courel, a instalación de piscifactorías na costa, a planta de Reganosa en Ferrol, a agricultura da comarca da Limia ou o complexo de Ence-Elnosa en Pontevedra. Pola outra, os chamamentos á defensa do medio natural, das zonas de costa protexidas, das zonas de protección animal e das rías.

Non se pode xeneralizar. Hai que analizar caso por caso, pero tendo moi en conta as xustas características de cada conflito. Cómpre valorar a verdadeira importancia económica das industrias, a porción de riqueza que reverte no territorio no que se instalan. E cómpre valorar as posibilidades de desenvolvemento económico que se poden botar a perder pola degradación dos recursos naturais ou da paisaxe.

A esquerda ten que tomar partido nestes debates e debe ter unha posición clara. Sobre todo a esquerda nacionalista, comprometida coa defensa do medio ambiente, e ao tempo defensora do “desenvolvemento económico do país e dos seus sectores produtivos”. Este tipo de conflitos aumentan a súa importancia día a día e non sempre se pode quedar un no medio.

Arquivado en: medio ambiente, reganosa | Comments Off

Reganosa, ¿pataca quente?

Por MarcosPerez
Xun 3

A manifestación celebrada hoxe en Ferrol baixo o lema Liberdade para Bastida, planta de gas fóra da Ría” foi un éxito completo. A planta de Reganosa instalouse na ría de xeito moi silandeiro, sen facer demasiado ruído, e con sentenzas xudiciais na súa contra. Sentenzas, que así e todo, non tiveron demasiada repercusión. Pero en Ferrolterra a sociedade civil está viva (e cabreada, ademais) e non lle abondan os argumentos conciliadores de “si, é ilegal, pero é que é moi necesaria para Galicia” ou “si, é ilegal, pero é que desmantelala agora…”. Á cidadanía xa non lle valen os argumentos de “feitos consumados”.

Reganosa, cunha oposición social activa e crecente, ameaza con se converter nunha pataca quente. ¿Para quen? Para todos, pero sobre todo para PSOE e BNG. Para Touriño e Quintana, que hoxe realizaron declaracións ambiguas e incómodas, para os conselleiros de Industria e Medio Ambiente, e moi especialmente para Vicente Irisarri, flamante alcalde de Ferrol, elixido cun grande apoio social que reclamaba un xiro á esquerda na cidade.

¿Converterase Reganosa nun asunto clave nas axendas políticas e mediática de toda a comarca de Ferrolterra? ¿Emerxerá unha oposición social maioritaria, como a que durante anos reclamou en Pontevedra o traslado de ENCE? ¿A quen queimará esta pataca quente?

A padiola mecánica

Animais políticos

Dentro das nosas limitadas capacidades, neste blog tentaremos facer resumo da trama desa longuísima serie que é a política galega sen resultar coñazo e esquivando os tópicos habituais na prensa, pois, de momento, non temos apoio institucional. Se non o acadamos, sodes libres de insultarnos nos comentarios.

Comentarios recentes