Arquivo para a categoría municipais.

ALGUÉN SABE XOGAR AO POKER?

Por MarcosPerez
Mai 24

Nos últimos días vimos escoitando na boca de moitos políticos declaracións premonitorias, anticipacións do que pode pasar o día 28. Núñez Feijoo comeza a falar sobre un posible fracaso do PP nas eleccións do domingo, e sobre o seu futuro persoal. Ao tempo, Feijoo sorprende repetindo os argumentos ocos e irresponsables lanzados por Aznar dende Madrid, dando entrada a Batasuna nas eleccións municipais galegas. ¿Facendo méritos ante Génova pensando nun mal resultado?

Algo semellante está a facer o BNG en Compostela, repetindo sen cesar o que só algunhas enquisas se atreveron a dicir até o de agora: o perigo de que Bugallo acade a maioría absoluta. Ou tamén o PSOE de Ourense, cada vez máis nervioso, a medida que a pelexa na cidade das Burgas céntrase nun cara a cara entre Enrique Novoa Poly e Alex Sánchez Vidal. Isto sucédelle tamén a Losada na Coruña (PSOE), Caballero en Vigo (PSOE) ou Pita en Ferrol (BNG), candidatos todos que ven como a campaña remata e seguen sen chegar aos cidadáns.

Os políticos deben ser ás veces xogadores de póker. Diso se trata, de poñer nervioso aos rivais, de desconcertales. Pero os nosos políticos son malos xogadores. Deixan ver as súas cartas de xeito demasiado claro.

O raquitismo dos concellos

Por ArturoLosada
Mai 23

¿Alguén se lembra do Pacto Local? Si, home, si, ese acordo para transmitirlles más competencias ós concellos (e seis millonciños para exercelas). Era unha idea de Fraga, pero asinárona Touriño e Pepe Crespo en xaneiro de 2006. O presi chegou a dicir que “remataría co raquitismo económico dos concellos, que son excesivamente dependentes do poder central ou autonómico”. Está nas hemerotecas.

De seguido, abríronse mesas de negociación, moitas mesas de negociación. Unha por consellería máis dúas ou tres de regalo. E fixéronse promesas, moitas promesas. Os concellos ían ter servizos autofinanciados e controlar directamente centros sociais e de saúde, escolas de ensino primario e xulgados de paz. Íanse aumentar os cartos a repartir no Fondo Galego de Cooperación e íase crear un Fondo de Compensación Territorial para as zonas máis desfavorecidas. De seguro que tamén se convocou algunha outra mariscada. ¿Resultados? Poucos.

En canto comezou a negociación do Estatuto, todo o mundo esqueceuse del. E en canto fracasou, ninguén tiña gana de seguir fozando no ordenamento administrativo. Tal foi a desmemoria colectiva que nin sequera se fala del agora, en plena campaña das municipais. Nin, o PP, ó que lle podería beneficiar e que leva dez días reclamando máis financiamento para os concellos (aínda que tamén prometa baixar os impostos, xeo abrasador, lume xeado). A única excepción foi o propio Pepe Crespo, que ameazou con rompelo (como se recolle aquí, no penúltimo parágrafo), e ninguén se molestou en replicarlle, talvez porque non hai nada que poida romper.

Coido que podemos dalo por morto, ó pobre Pacto Local. Unha mágoa, porque podería ter sido unha boa alternativa ás Deputacións, eses organismos que lle dan traballo ós familiares dos seus presidentes, poñen postes, pistas, bancos con macetas e mesmo nos poden ensinar inglés.

Que fai Fraga aquí?

Por JacoboRey
Mai 22

O regreso de Manuel Fraga a Galicia, coincidindo coa última semana de carreira electoral, pode ter varias lecturas en clave política. Amais diso, non é o primeiro que tamén ve algún que outro risco na presenza do ex presidente da Xunta precisamente agora.
Entre as teóricas vantaxes de ter a Fraga nestes mítines, destaca sen dúbida o máis que demostrado tirón do político de Vilalba entre as masas populares. Ninguén como el pode seguir atraendo o voto de Ourense e Lugo, graneiros do PP dende tempo inmemorial. Case todos os análisis poñen en entredito a continuidade do Partido Popular nas deputacións, sobre todo na de Pontevedra. Pero a de Lugo tamén está en xogo, e aí, nesa disputa, os votos de todos os concellos serán claves. E mal que lles pese, Núñez Feijoo todavía segue a ser un auténtico desconocido entre os votantes do oriente galego, especialmente os de maior idade.
Pero algúns xa olvidaran a Fraga. E cando Fraga abre a boca, hai moitos -dentro do PP- que empezan a suar. Un discurso populista, que racha coa renovación do discurso que viña levando a cabo Feijoo dende que accedeu ao trono da centrodereita galega.
O último mítin do PP serve de exemplo. E non me refiro á súa proposta de que retrocedamos cen anos e instauremos, tal como fixo Maura e como aínda pervive noutros países como Brasil, a obrigatoriedade de ir votar. Iso queda para outro debate.
Refírome, por exemplo, á intrínseca relación entre botellón e fracaso escolar. As súas palabras podédelas ler neste xornal: «el que no estudia es porque no quiere o porque quiere ir al botellón». Ou ao feito de considerar «ilegítimos» a los hijos de Segolene Royal. Tamén falou do aborto e do divorcio, temas totalmente secundarios no debate político actual, dicindo que hoxe en día “desfanse tantos matrimonios como se crean”. E tivo tempo para acusar ao bipartito de ser o culpable «de pechar a vía do Salnés», algo que non parece ilóxico -o peche- polo tamaño do burato alí existente.
Que réditos -ou paos- sacará en limpo o PP coa chegada de Fraga en Galicia? Polo de pronto, xa ten asegurados un bo feixe de titulares.

MARÉS, ENQUISAS E ELECCIÓNS

Por MarcosPerez
Mai 18

Ninguén sabe con certeza o que pasará o 27 de maio. Hai enquisas, claro, pero as enquisas non son infalibles. As enquisas son moi certeiras á hora de reflectir a intención de voto directa, pero hai unha certa proporción de voto oculto e de votantes indecisos que poden decidir o resultado, sobre todo naqueles lugares nos que as cousas están moi axustadas. Hai que saber facelas, que a “cociña”, que é a verdadeira artesanía das enquisas, consiga que esa simulación se pareza o máis posible á realidade. De igual xeito, un dos principais problemas das enquisas é que por moi ben que se fagan, non deixan de ser fotos fixas, amosan un estado de opinión nun momento dado. Polo tanto, hai que saber ler as tendencias que amosan estas sondaxes.

Porque hai tendencias, marés que se perciben en cada Concello, a favor ou en contra de cada candidato. No fondo, esas cousas sábense, nótanse. Sábeno os políticos de todos os partidos, sábeno os xornalistas, e sábeno os votantes. Contra eses movementos de arrastre é difícil loitar, e moitas veces o máis que poden facer os candidatos con novas propostas, declaracións, propaganda ou fotos, é minimizar os seus efectos.

En Santiago fálase cada vez máis abertamente da posibilidade de que Bugallo acade a maioría absoluta. Entre outras cousas porque Conde Roa e Néstor Rego non conseguen introducir os seus temas na campaña e semella difícil atopar un asunto potente para atacar ao candidato do PSOE.

En Vigo, pola contra, é o aspirante socialista o que non levanta cabeza. A Caballero estáselle facendo demasiado longa unha campaña na que partía con todas as vantaxes. Pola contra, Corina Porro afiánzase cada día máis e a maioría absoluta non parece un obxectivo imposible. Do mesmo xeito, a campaña de Santi Domínguez está logrando mobilizar o electorado nacionalista e de esquerdas da cidade, e no BNG comezan a soñar coas opción (pequenas pero crecentes) de recuperar a primeira cidade de Galicia.

En Ourense, a pelexa é cada vez máis cousa de dous: Enrique Novoa e Alexandre Sánchez Vidal, cunha campaña na que vai adquirindo progresivamente unha imaxe de alcalde, algo moi importante para gañar unhas eleccións. Finalmente, en Ferrol a campaña de Juncal desínflase por momentos e a vitoria de Irisarri pode ser histórica.

¿Por que Touriño non debate?

Por ArturoLosada
Mai 15

Porque non sabe.

O noso presidente non foi chamado polo camiño da oratoria, como di o señor Pérez e como sabe calquera que o escoitara falar algunha vez. Trabúcase, non se explica ben, repite unha e outra vez os mesmos datos e encaixa moi mal que lle rebatan algunha afirmación. Na tele, tanto Feijóo como Quintana, sen ser ningún dos dous un Castelar, podían telo comido con patatiñas. El sábeo, e tamén o saben os seus asesores, e por iso non lle deixan lucir a súa dialéctica en público.

¿Significa iso que é un mal político? Non necesariamente. As virtudes de Touriño son outras, máis relacionadas co planeamento, coas cuestións técnicas e con todas esas labores de enxeñería escura que fan que funcione un goberno. Din que niso é bo, ben, podemos crelo, pero é unha virtude difícil de vender de San Caetano para fóra. Así que, para disimular, el adícase a pasar desapercibido, que así non lle atribúen méritos pero tampouco cagadas.

Pero desta víuselle o plumeiro. Iso de mandar a Orozco a debater, así, as bravas, que estaba o pobre máis despistado que o que fixo a vendima en xuño, foi unha mala xogada. Houbo moitas peticións, moitas preguntas que o presi non soubo responder, porque iso de “e que non quero tapar ós que piden ó voto” foi a peor excusa que nos botaron á cara en anos. De seguro que non tivera quedado tan mal se fose ó debate.

En fin. Se cremos na súa palabra, verémolo nos platós da TVG en 2009, cando nos pida o voto. Xa pode aproveitar estes dous anos para ir tomando clases de discurso, se non quere que o coman con patatiñas.

Aínda que aburra, a xente quere debate

Por MarcosPerez
Mai 15

Houbo debate. A pasada semana estivo Quintana, onte estiveron Quintana e Feijoo. ¿A vindeira irá Touriño? Non o creo. Normas do marketing político español: o que goberna non debate, sobre todo se a oratoria non está entre as súas virtudes.

O debate de onte á noite volveu demostrar que a xente non é tan apática como se repite de continuo, como algúns se empeñan en repetir (¿de xeito interesado?). Un debate tremendamente aburrido, retórico e lento tivo un 18% de audiencia (a pasada semana quedara no 15%, e a anterior no 10%).

A xente non vai ler longas análises da situación política, nin se vai esforzar en consultar o grosos programas-marco dos partidos, pero si quere ter información, quere escoitar as propostas dos candidatos, reclama que as ideas se debatan. Un autor xa clásico nas Teorías da Comunicacióm, William Gamson, denunciaba os intentos de negarlle aos votantes a súa dimensión racional: repetía que os cidadáns non son tan parvos nin están tan mal informados.

Non nos tomen por parvos, por favor. Non o somos.

Indemnizacións si, pero… a que prezo?

Por JacoboRey
Mai 15

Unha das últimas propostas do PPdeG non ten carácter municipal, senón mais ben autonómico. Núñez Feijoo propón unha medida respecto ó pagamento de indemnizacións no caso de grandes catástrofes, como os incendios ou as riadas que afectaron a Galicia no último ano. En concreto, a súa proposición vai na liña de que o prazo máximo non supere os 15 días, e que sexan os concellos os que distribúan esas axudas unha vez que as aprobe o Consello da Xunta.

A medida pode que axilice a lentitude administrativa que en moitos casos ralentice ese pagamento, sobre todo no caso de extrema urxencia. Nos últimos acontecementos houbo casos deste estilo: casas asolagadas ou vehículos danados, por exemplo. Pero tamén hai quen discrepa. Logo das inundacións, mais dun representante do sector do seguro advertía de que unha excesiva benevolencia da Administración pública nestes casos derivaba no efecto contrario: que a tendencia fose a non asegurar, porque total paga a Xunta. E que os que si tiñan aseguradas as súas pertenencias, lamentasen gastar os cartos niso cando o sector público faise finalmente cargo de todo.

E en todo caso, tamén cómpre con urxencia un debate sobre as medidas para controlar onde, como e cando se destinan eses cartos. Casos coma o do Prestige, onde máis dun pillo (ou caradura, como se queira) pintou o seu barco ou cambiou o motor a costa da Xunta, serven de advertencias.

Xerontocracia

Por ArturoLosada
Mai 14

Un breve apunte para chamar a atención sobre unha notiña de Europa Press publicada no único diario de pago en galego realmente existente. O vindeiro 27 de maio, preséntanse 21 alcaldes que levan no sitio dende as primeiras eleccións municipais, en 1979, ou antes. A metade están en Ourense, só tres non son do PP e só tres son mulleres. Sete deles xa eran alcaldes con Franco.

Porén, 21 concellos de 315 que hai en Galicia non son… demasiados. Varios dos rexedores máis veteranos, como o de Cervantes, do que falaba no meu último desbarre, fixeron as maletas, ben pollos achaques ben polo cambio da situación política (porque xa non está Fraga, digo). Un pouco máis e nos libramos do mito da xerontocracia.

Arquivado en: municipais | Comentarios (2)

PSdeG-PSOE: Agora ou nunca

Por MarcosPerez
Mai 14

Pode resultar paradoxal que eu afirme que estou convencido de que o PSOE é o partido que máis vai mellorar os seus resultados en Galicia nas eleccións municipais, e que ao mesmo tempo diga que é quen máis ten que perder. Os resultados do PP vanse mover entre o lixeiro descenso e a devacle, os do BNG entre o mantemento do nivel de voto do 2003 e unha pequena subida, e os do PSOE entre un ascenso moderado e un ascenso espectacular. É un paradoxo, repito, que neste escenario eu siga dicindo que o PSOE en Galicia pode ter un mal espertar o 28 de maio, mesmo mellorando os seus datos de hai catro anos.

É obvio que os socialistas galegos están nun bo momento. Gobernan en Madrid e Santiago, manteñen aínda o empuxe daquel “efecto Zapatero” do 2004 (aínda que seguramente a preamar do efecto quedou xa atrás), e poden capitalizar nos concellos a xestión realizada á fronte da Xunta. Factores todos que deixan ao PSOE ás portas de gobernar seis das sete cidades de Galicia, tres das catro deputacións e con opcións claras de facerse cun bo feixe de novos gobernos municipais en concellos de pequeno e medio tamaño.

Perfecto. ¿E se non o conseguen? ¿Que pasará se o PSOE non é quen de facerse con Ourense e/ou Vigo (a enquisa de Sondaxe de onte amosa a un Abel Caballero moi feble)? ¿Que pasará se non goberna as deputacións de Pontevedra e Lugo? ¿E se só conquista un pequeno número de novos concellos, e ningún deles de verdadeira importancia? O PSOE galego, despois dunha desastrosa década dos noventa, está no seu mellor momento, semellante ao das municipais de 1987 (cando obtiveron o seu mellor resultado co efecto arrastre do goberno de Felipe González), un escenario ideal que seguramente tardará moitos anos en repetirse. Se nestas eleccións non acada o resultado histórico co que soña, nunca o conseguirá. Todos sabemos do malas que son as vitorias amargas.

Vendendo fume

Por ArturoLosada
Mai 11

Nós comezabamos onte con moitas promesas e boas intencións. Os nosos ben queridos líderes políticos fixeron o mesmo, cada un na cidade que máis lle interesa apañar, e alí ensinaron as armas dialécticas coas que bombardearán dende os mítines nos vindeiros quince días.

Touriño falou dende Ourense, onde confía en entrar no goberno máis porque Enrique Nóvoa pague a novatada que polos méritos do seu candidato. Ali chamou á xente a que vote para que os concellos entren na fermosa etapa de cambio político que comezou hai dous anos na Xunta. ¿Irá co mesmo conto á Coruña? ¿A Rianxo? ¿A Lugo? ¿A Cervantes? Veña, ese slogan estivo ben nas autonómicas, pero xa morreu. Agora o goberno é vostede, señor presidente, fale de medidas, non de abstraccións.

Algo variou o BNG, que tras pasar todo o ano coa mesma matraca, a de levar ós concellos o cambio galego, déixaa aparcada, non sabemos se para diferenciarse do PSOE ou porque se queixaron en Allariz . Pero non toda variación é unha mellora. Dende Santiago, arroupando ó cada vez máis feble Néstor Rego, Quintana fala de que a política do BNG é “solucionar os problemas da xente” (¿Como? Non se sabe, xa improvisarán) e segue intentando convencernos de que os nacionalistas son transparentes de seu e inmunes á corrupción. Bo intento.

E gardo ó mellor para o final. Dende Vigo, Feijóo arroupa á súa estrela, Corina Porro, a súa mellor baza para gañar a alcaldía dunha das sete cidades, e di que o PP simboliza “un futuro que devolva con creces aos galegos o seu empeño en dar cada día o mellor de seu”e a “”esperanza de miles de galegos defraudados co bigoberno”. O xefe da oposición semella xogar ó xogo ser unha nova promesa política, un home da dereita civilizada cun gran potencial por demostrar. E é bo actor, interpreta ben a personaxe, pero faise imposible esquecer que pasou dous anos longos no goberno de Fraga, como conselleiro de Política Territorial, nin máis, nin menos, e o único cambio que introduciu no estilo habitual foi deixar de darlle cartos ás empresas de Cuiña.

Certo é que propor medidas concretas nestas municipais debe ser tarefa dos alcaldes, non dos nosos grandes líderes.
Certo é tamén que podían ser máis sutís á hora de vender fume.

Arquivado en: municipais | Comentarios (1)
A padiola mecánica

Animais políticos

Dentro das nosas limitadas capacidades, neste blog tentaremos facer resumo da trama desa longuísima serie que é a política galega sen resultar coñazo e esquivando os tópicos habituais na prensa, pois, de momento, non temos apoio institucional. Se non o acadamos, sodes libres de insultarnos nos comentarios.