Mai
11
O sorriso dos candidatos ven de serie co traxe e a gravata. Todos sorrín mentres repiten a quen lles queira escoitar que van gañar, ou que van subir, ou que van acadar un resultado “histórico“. Pero moitos saben xa a estas alturas que non van ser alcaldes. Nas vilas e concellos pequenos esas cousas sábense de sobra. E nas cidades hai enquisas (por certo, entre hoxe e o domingo espéranos unha avalancha de sondaxes, comezando pola do CIS, que se ben non van deixar claro nada, van descartar moitas cousas).
Pero mesmo os que saben perfectamente que van perder as eleccións teñen que seguir na pelexa. Por varios motivos. Algúns persoais, porque un mellor resultado pode garantirlles algún postiño no partido ou na administración. E algúns máis elevados: as deputacións de Pontevedra e Lugo (a da Coruña seguramente non) están no aire. E o feito de que Joaquín García Díez ou Telmo Martín acaden un concelleiro máis ou menos, a pesar de que non teñen opcións de chegar á alcaldía, pode significarlle ao PP conservar ou perder os gobernos provinciais. O mesmo lles ocorre a PSOE e BNG en concellos onde teñen todo perdido (ou todo gañado). Son os distintos engranaxes da política, as distintas ligas dos candidatos. Pode que moitos xa non aspiren ao título, pero aínda teñen que loitar por entrar nas competicións europeas.
Mai
10
Comeza, comeza a campaña, comezamos. Quedan dúas semanas e media para as eleccións, e aquí segue todo tranquilo, demasiado tranquilo. Os políticos seguen falando a media voz, seguen sorrindo aos seus rivais, aos seus compañeiros do Parlamento, e nas sedes dos partido séguese falando máis do Barça ou do Madrid que de Alexandre Vidal ou Corina Porro. ¿E na rúa? Pois na rúa a xente anda ao seu, traballando case sempre.
Pero hoxe comeza todo. Hai quen ten reservada a artillería pesada para estas dúas semanas. Porque nestas dúas semanas vanse xogar moitas cousas. Certo é que hai alcaldías importantes nas que hai pouco que comentar: Lugo, cun Orozco que gaña até nos videoxogos; Pontevedra, onde Lores recuncará, apoiado na socialista Teresa Casal; ou Santiago, onde Bugallo ten moi lonxe a maioría absoluta, pero moito máis lonxe a Conde Roa.
Pero a cousa non está tan clara noutras cidades, como A Coruña (¿perderá Losada a axustadísima maioría absoluta que lle deixou Paco antes de ser elevado aos altares?), Ferrol (din que alí as cousas sempre andan tan mal que xa ninguén quere ser alcalde, consciente da dificultade de repetir), Vigo (cunha Corina lanzada e un Caballero con todo a favor agás el mesmo) ou unha Ourense onde parece que vai haber foto-finish entre os tres candidatos.
Pero Galicia non son só as sete cidades. Aí están as loitas polas vilas, polas áreas metropolitanas. Aí está tamén a pelexa polas deputacións, sobre todo Pontevedra e Lugo. E aí está tamén a incógnita dos “cuartos partidos”: ¿Acadará Carlos Marcos representación na súa “La Coruña”?, ¿Terra Galega vaille escacharrar a provincia de Lugo ao PP? ¿Será decisivo Manuel Soto en Vigo?
Todo está por decidir, hoxe comeza todo.