Arquivo para a categoría política.
Dec
11
Finalizada a Comisión do Gaiás, as conclusións elaboradas por socialistas e nacionalistas sitúan a Jesús Pérez Varela en pleno centro do eixo do mal. O ex-conselleiro de Cultura vive nun segundo plano, grazas as xenerosas retribucións que recibe como membro do Consello de Administración da CRTVG. Pero a que fora oposición, e agora goberna Galicia, pretende por todos os medios recolocar a Pérez Varela nas portadas dos xornais.
O demoledor dictame da comisión só é un aviso a navegantes. Pouco importa que esas conclusións, en certa medida, xa estivesen prefixadas semanas antes de que comparecese o máximo responsable da execución da Cidade da Cultura. Todo documento no que aparece a palabra Fiscalía contén, en principio, unha especie de bomba de reloxería no seu envoltorio. Quen saiba xogar mellor con ela obterá réditos. E os demais, corren o risco de que lles estoure na faciana sen enterarse.
A estratexia dos socios de goberno parece clara: sinalar a Pérez Varela como cabeza de turco do Gaiás. E contrariamente ao que agardaba o PP, o punto forte do dictame está no post-Fraguismo. Concretamente, na creación dunha empresa (Chuvieira) liderada polo mesmo Pérez Varela, e con presuntos vínculos coas adxudicacións da Cidade da Cultura.
Mentres, o Partido Popular tiña tamén unha liña de acción preparada: a inacción do bipartito na posterior xestión do Gaiás. Colocada a primeira pedra a principios de 2001, a Xunta xa fala de 2012 como data de remate. E cada ano que pase será utilizado polo PP como proba da suposta paralización que voa por riba dos tellados deseñados por Eisenman.
Preguntas no aire, sobre a oposición: ¿Manterá o PP ese distanciamento respecto a Pérez Varela? ¿Actuará a Fiscalía, e de non ser así, levará algún dos partidos o caso diante dos tribunais?
Pregunta, sobre o Goberno: ¿Deixará de levar o PSdeG o papel predominante na nova defensa do Gaiás? ¿Pasará o BNG a liderar o novo proxecto, tendo en conta que controla a Consellería de Cultura e máis a de Innovación?
E unha cousa máis. Ollo á suposta financiación do Goberno central no proxecto. Hoxe mesmo, César Antonio Molina negou tal posibilidade, pese a que en agosto situou o Gaiás como lugar clave nos actos de celebración do segundo centenario da independencia iberoamericana. Iniciativas si. Colaboración, tamén. Pero cartos…
Nov
15
A presenza de Peter Eisenman na comisión parlamentaria da Cidade da Cultura promete non deixar indiferente a ninguén. O arquitecto responsable do proxecto do Gaiás acudirá ao Pazo do Hórreo a rendir contas do macrocomplexo. Pero a falta de velo en vivo e en directo, dá a sensación de que o neoiorquino non satisfará as demandas informativas dos partidos que agora sustentan o goberno, e que naquel momento andaban na oposición.
¿Criticará Eisenman a Manuel Fraga? Das moitas comparecencias acumuladas ata agora, unha das principais conclusións é que o proxecto arrancou “cunha cifra estimativa”, ou o que é o mesmo, que ata o menos posto en cifras sabía que o dos cento e pico millóns de euros de orzamento era unha quimera.
Sería unha sorpresa, xa que logo, que o arquitecto ficase alarmado na Cámara galega polo inxente gasto das obras. Queda pouco para comprobalo.
De igual xeito, é de prever que lle preguntarán polos seus honorarios, ou polo papel do presidente da Xunta no proxecto. E ata aquí podo ler…
Mais tamén semella que a aparición de Eisenman no Pazo do Hórreo será, por riba de todo, mediática. Porque damos por feito que non dirá nin pío do proceso de selección (que pode dicir el?), nin das empresas ás que se lles adxudicaron os traballos, porque non é cousa súa. Só faltaría que inda por riba, o pai do Gaiás non defendese a morte o proxecto. É máis, o raro sería que non fose o máximo valedor de semellante infraestrutura. Veremos.
Set
12
As tres formacións políticas deron luz verde onte á posta en marcha dunha comisión parlamentaria sobre a Cidade da Cultura. Goberno e oposición acudirán á mesma coas súas cartas, e todos cren que poden gañar. Socialistas e nacionalistas tentarán levar o debate ao pasado. Os populares, ao presente. A batalla está servida.
Pero horas máis tarde, os socios de Goberno en San Caetano rexeitaban a creación doutra comisión, neste caso para investigar a adxudicación das obras de desdobramento dunha das estradas máis tráxica da historia viaria galega.
Visto o visto, xurden as dúbidas. Non só pola capacidade que teñen as comisións de investigación que se crean nun Parlamento (en calquera). Ese é un mal endémico, pero analizando como funcionaron as do Yakolev ou do 11-M nas Cortes, semella evidente que supoñen un auténtico dispendio de tempo e de espectativas. Pode que en Estados Unidos funcionen, pero alí -por haches ou por bes- si cumpren unha función. Alí si se depuran responsabilidades, e non as toman a cachondeo.
En todo caso, a cuestión é outra. A marea de comisións parlamentaria iniciada en Galicia debería levar consigo outra reflexión. ¿Que é o que se debe investigar no Parlamento? ¿Ata onde baixamos o listón?
Por exemplo, as nosas señorías dixeron que SI a investigar as responsabilidades políticas na Cidade da Cultura, pero rexeitaron investigar os incendios forestais en prol dunha comisión de estudo, na que non participou o PP e que se acabou convertindo nunha auténtica inutilidade.
Máis. O Parlamento di que NON á investigación da Vía do Barbanza, logo de que o PP denunciase xa fai un ano unha presunta manobra política para beneficiar a o grupo Sacyr en contra de San Jose, cun coste adicional de 30 millóns de euros. En troques, opta por un SI para investigar o sucedido na Vía do Salnés, famosa pola comparecencia de Cuiña na que se negou a responder á maioría das preguntas efectuadas polos parlamentarios. Porque isto, por sorte ou por desgraza, non é América.
A pregunta é, que criterio debe rexir para que un asunto político sexa investigado polo Parlamento? Ou simplemente conta a opinión dos grupos que sustentan o Goberno, sexa cal sexa a cor política deste?
Set
6
A estas horas todas as portadas dos medios galegos en internet coinciden en destacar o mesmo: O Consello da Xunta cesou a Antón Losada, a petición propia. Marcha o odiado número dous de Quintana sen moito ruído e sen máis declaración que “voume porque é a fin dun ciclo”.
Había insistentes rumores da súa marcha dende maio, polo menos. O secretario xeral acumulou demasiadas polémicas absurdas, como o enfrontamento con El País porque falaran mal de Superpiñeiro, a bronca con Méndez Romeu por un quítame aló ese cartel e a revolta mediática para aclarar que non maltrataba a súa criada. Os inimogos medráronlle e mesmo se dixo que presentaría a súa dimisión tras as municipais, pero vese que os malos resultados do BNG (por moito que eles digan, foron malos) non aconsellaban tal mostra de debilidade. Pero vendo o caladiño e moderado que estivo Antón durante todo o verán, semella que xa tiña a decisión tomada, antes da batalla do himno e o veto da TVG.
Losada era, sen lugar a dúbidas, o alto cargo máis coñecido da Xunta (¿alguén que non sexa político nin xornalista sabería nomear a outro secretario xeral?), porque as súas funcións ían moito máis aló do que se lle supón a secretaría xeral de Relacións Institucionais. Máis que a negociar competencias con Madrid, Losada xogaba a ser o reverso tenebroso de Quintana, ese asesor que todos os políticos teñen e que serve para expresar opinións impopulares e darlle caña inclemente á oposición (ou ós socios de goberno, adepende). Iso foi Xaime Pita para Fraga, e iso é Pepiño Blanco para ZP.
Este señor da Mariña levaba tamén de modo oficioso a política de comunicación da Vicepresidencia e, algo menos, a das consellerías do BNG . Nunca se recoñeceu oficialmente, pero era un segredo a berros, os berros que Losada lle pegou a máis dun responsable mediático por non poñer os titulares que el quería. Hoxe en moitas redaccións brindarase polo cesamento.
E tamén, como home polifacético que era, sabía de márquetin político (perdóeme a palabrota, señor Pérez) e tivo tamén moito que ver coa construcción da personaxe de Anxo Quintana Vicepresidente, ese que baila con vellas (coas nosas maiores) e que lles chama galescolas ás garderías.
Moitos cargos para unha soa persoa, e en todos se extralimitou Losada, nun interese desmedido por empregar e demostrar o poder que tiña. Foi demasiado tenebroso, demasiado agresivo cos medios, e demasiado producto de márquetin. Por iso non lle caía ben a ninguén, nin dentro nin fóra do BNG, aínda que agora que ven pasar o cadáver do inimigo todo sexan palabras amables.
Queda por ver agora como camiñará Quintana sen o bastón no que se converteu o seu asesor personal nestes últimos anos.
Set
5
Na Xunta de Portavoces, ese organismo de decide os asuntos que se tratarán nos plenos parlamentarios, falouse moito onte da Cidade da Cultura. Seica hai acordo para investigar nunha comisión parlamentaria un asunto que estaría moito mellor nos tribunais, porque a comisión non pode multar a ninguén, nin metelo no caldeiro tampouco, por moitos indicios de delcitos ou faltas que atope. O lobo non come carne de lobo, e ós políticos non lles gusta meter ós gobernos anteriores en tribunais, por se acaso lles fan o mesmo a eles nun futuro.
Pero na Xunta de Portavoces revelouse outra noticia que pasou desapercibida entre o rebumbio do Gaiás: Manuel Ruíz Rivas, que ata o de agora era viceportavoz do PP, substituíu a Xosé Manuel Barreiro como voceiro do Grupo Popular no Hórreo. A cadeira do portavoz, aínda que non reporta un poder real, é moi cotizada porque garante que un vai saír moito nos medios de comunicación. Cando Barreiro apoiou a Núñez Feijóo para ser o sucesor de Fraga, obtivo para el unha vicepresidencia do PP con máis ben poucas competencias, o dereito a facer o que quixera na provincia de Lugo (por exemplo, botar fóra a Cacharro Pardo) e a portavocía do Grupo Parlamentario, o cargo con máis visibilidade despois do de líder supremo.
Porén, Barreiro viuse obrigado a recoller velas tras as municipais e a enorme cagada que supuxo perder a Deputación de Lugo, algo que só prevían as enquisas máis optimistas do PsdeG e no que o enfrontamento con Cacharro tivo abondo que ver. O PP en xeral, e Feijóo en particular, non lle dedicaron nin siquera unha lagrimiña de despedida, aló marchaba un dos poucos que, en teoría, se saía da líña actual do partido, unha liña que comeza na engominada cabeza de Feijóo e remata nas mesmas barbas de Rajoy.
Tras a retirada do home do ‘boirrete’, o PP gardou un silencio absoluto sobre quen o subtituiría (encantalle iso de gardar silencio sobre os asuntos internos, ao PP). Mesmo se especulaba coa posibilidade de que o propio Alberto Núñez asumise a portavocía parlamentaria, zarandeando un pouco o equilibrio interno imposto polo pacto da sucesión entre a xente de Feijóo (anteriormente coñecidos como xente de Romay Beccaría), a xente de Barreiro e a xente de Baltar. Pero os vaticinios non se cumpriron, o voceiro en lugar do voceiro será Ruíz Rivas, un home (teóricamente) na liña ‘boirretil’, aínda que máis agresivo nas súas declaracións do que nunca foi Barreiro.
Ruíz Rivas e un (outro) coruñés para a primeira liña política, que se formou na Deputación da Coruña e no concello de Ribeira, xunto a un liberal sen escrúpulos como José Luis Torres Colomer. Tamén é un dos deputados que máis tempo levan no Hórreo, dende 1993, concretamente. É un tipo de perfil duro e de verbas aínda máis duras. Pero, por sorte, o PP non escolleu como substituto de Barreiro ao outro viceportavoz, Roberto Castro, un dos maiores demagogos que se sentan no hemiciclo. Miren que agora xa non son moi serios, pero el os debates podían terse convertido en programas de Salsa Rosa.
Ago
24
Ben, xa é oficial. Anxo Quintana conseguiu iniciar unha polémica estéril. O home andaba aburrido, todo agosto en Allariz tirado á bartola e entroulle gana de que falasen del os xornais de aquí e os de Madrid. E entre todas as cousas que podía facer para lograr tal obxectivo, como propoñer un referendo para a independencia segundo a moda escocesa ou subirse espido ó escenario no concerto da Banda Bassotti en Ferrol, o noso Quin escolleu pedir que todos os nenos saiban a letra do himno galego, agora que se achega o seu centenario. (vaia vostede a saber quen lle suxeriu a idea). E a xogada saíulle ben, fixéronlle caso. Demasiado, diría eu.
Porque, non nos enganemos, os himnos nacionais só son útiles só para cantar nos actos públicos, nas manifas e nos partidos de fútbol, e dá exactamente igual que os nenos (e os políticos) os saiban ou non de memoria , mentres non lles fagan comezar todas as clases (ou consellos da Xunta) cantándoo en pé e coa man no corazón. Aprenderse un poema de memoria nunca pode ser malo pero persoalmente, me preocupa moito máis que a xente descoñeza para que vale o Estatuto ou como funciona o Parlamento, aínda que ninguén semella estar interesado en que se explique iso nos plans de estudos.
Tampouco son un gran admirador de Pondal (adoito preferir poetas que non lle canten ó estupro), nin considero que unha espesa louvanza ós pinos e ós celtas “oficialice os sentimentos de Galicia”, como di Quintana. Agora ben, hai que ter pouca comprensión lectora e poucos coñecementos históricos para afirmar, como fixeron en el Mundo que Os Pinos insulta a quen non entende o galego (e non poño o enlace directo porque é un artigo de pago, que cousa). Se eu son profesor de literatura, lle pido a un rapaz que me faga un comentario de texto sobre este poema e me pon iso, ten un suspenso como unha casa. Pero vindo do diario de Pedro J., o único que sorprende é que non relacionaran a Pondal con ETA.
E, tras o rebumbio de protestas no mundo da cultura e adxacentes, chega á polémica pondaliana o ilustre galego no exilio, Mariano Rajoy, que demostra que é un verdadeiro home de rúa, capaz de ter opinións paisanas coma calquera parroquiano nunha taberna, e nos di: “Mellor estudar inglés que o himno”, deixando co cu ó aire o seu (teórico) compañeiro de partido Diego Calvo e demostrando que o seu nivel de discurso político está en números negativos. Alomenos non prometeu que incluiría o ensino de linguas estranxeiras no Plan Galicia cando sexa presidente.
De seguro que a celebración do centenario da melodía de Pascual Veiga vai ser moi divertida. Ó mellor ata opina Touriño e todo.
Xull
29
Para os que busquen paralelismos entre os temas de debate na política estatal e na galega, aquí os están. Aquí e alá fálase de política económica. Prosigue a bonanza, e os dirixentes aproveitan a ocasión para dicir alto e claro que os deberes están feitos. Porque os presidentes Zapatero e Touriño prefiren falar de cifras e porcentaxes, unha vez que xa está fóra do debate a negociación con ETA (en Madrid) e a reforma do Estatuto (aquí).
As cifras non enganan. Primeiro foi Zapatero, quen tirou dos números antes de pechar o curso e marchar de vacacións ás illas. O Goberno eleva a previsión de crecemento, ao tempo que o paro quédase por debaixo do 8%. Sexa (ou non) continuación dos réditos económicos da era Aznar, ten toda a pinta de que a economía dará moito que falar ata que empece a precampaña das xerais, á volta do verán.
E en Galicia, outro tanto do mesmo. Se o de Zapatero foi o venres, Touriño preferiu ir primeiro á praia e posteriormente, en Moraña, tamén tirou de cifras. De feito, centrou o seu discurso no que serán os presupostos de 2008, cando aínda acaba de empezar o segundo semestre de 2007.
As melloras novas veñenlle da man do seu colega Ricardo Varela, conselleiro de Traballo e número 2 do PSdeG na comunidade. Aproveitando a Festa do Carneiro ao Espeto para lembrar aos alí presentes, entre bocado e bocado, que Galicia rexistra a taxa de desemprego máis baixa dos últimos 24 anos, e cunha cifra récord de ocupación. Olvidado o fracaso do Estatuto, o Goberno bipartito cumpre os dous anos de vida e chega ao ecuador do lexislatura cunha racha de cifras moito mellores das que agardaban uns e outros. Se o lume o permite, augúrase un verán tranquilo nos despachos de San Caetano.
Xun
14
PSOE e BNG están medindo moito os detalles dos seus pactos en concellos e deputacións. Saben que as vindeiras eleccións municipais comezan a gañarse ou a perderse nestes acordos, nas áreas de xestión que controle cada partido, na percepción que a cidadanía teña sobre a responsabilidade dun e outro no funcionamento dos gobernos locais.
Pero PSOE e BNG non están pensando en 2011, pensan en 2008. As eleccións xerais están aí. Non serán en outono (non parece probable un adianto electoral), pero serán en marzo, o que significa que a campaña comezará á volta de Nadal. BNG e PSOE disputan en todos os comicios un voto fronteirizo, cun comportamento dual, que nas eleccións xerais adoita desprazarse cara ao lado socialista.
A campaña xa comezou. En Madrid o PSOE iniciou a súa batalla por recuperar os seus votos máis conservadores (pactos en Navarra, encarceramento de De Juana e Otegi…). E en Galicia non quere darlle ao BNG a máis mínima oportunidade para recuperar os votos que os nacionalistas perderon en 2004. O Bloque, pola súa banda, tampouco quere ser o prexudicado nunha nova bipolarización PP-PSOE.
Van ser meses de receos e riñas entre os socios do bipartito. Estamos en campaña (de novo).
Xun
11
A situación que se deu nas pasadas eleccións, que se ven dando durante os últimos oito anos, e que ten toda a pinta de prolongarse ’sine die’, é lícita e legal pero non parece de todo xusta. Co pacto asinado esta tarde, dase luz verde aos pactos municipais entre socialistas e nacionalistas, que permitirán gobernar case un cento de concellos na comunidade.
En poucas comunidades, moi poucas –se cadra a única– case un tercio dos municipios estarán gobernados por unha lista que non é a máis votada. E isto pasa en Galicia, principalmente, por varias razóns que (todas xuntas) non se dan en ningunha outra comunidade.
Por exemplo, en poucas comunidades existe un tripartidismo tan marcado como en Galicia, no que dous das tres formacións políticas están dispostas a pactar e mesmo comparten un goberno autonómico. O espectro político é moito máis variado en Cataluña, País Vasco, Baleares ou Aragón, por poñer un exemplo.
E por outro lado, esa situación combínase co feito de que se produza nun tradicional graneiro do Partido Popular, como é Galicia, onde a lista conservadora sempre foi a máis votada nas sucesivas eleccións autonómicas, e en boa parte dos concellos.
Hai que di, e con razón, que o propio Partido Popular ten a culpa de non ser quen de pactar con outros grupos políticos, situación motivada polo seu illamento ideolóxico. Só nalgúns casos, e con partidos de tendencia por definir -como Coalición Canaria- tivo o PP a oportunidade de alcanzar pactos post electorais.
O que parece evidente é que situación en Galicia é insólita, porque en ningún outro lugar o PP gañou en tantos concellos e gobernou en tan poucos. A cousa cambiaría se, por exemplo, existise unha cuarta forza política –de centro-dereita nacionalista-rexionalista, como o que pretende ser Terra Galega– que compensase un pouco a balanza.
Pero a estas alturas, semella que a única solución a este desequilibrio pasaría por unha reforma electoral que, non obstante, non semella necesaria noutras comunidades. En Andalucía gaña o PSOE, e goberna. En Castela e León, gaña o PP e goberna. Amais, esa reforma ao PSOE só lle afecta, por exemplo, nas Illas Canarias, onde López Aguilar resultou vencedor e precisa de apoios. E en todo caso, nin socialistas nin nacionalistas están dispostos a pactar unha reforma electoral –que dese paso a unha segunda volta, ou a outro sistema onde se primasen as maiorías– que non lles beneficia.
Mentres tanto, Feijoo propuxo de novo un pacto que permita ás listas máis votadas o acceso á alcaldía. Os outros dos implicados non dixeron a súa resposta, máis semella que nada vai cambiar. E que a solución do PP pasa por buscar novos amigos cos que xuntar concelleiros e rachar a súa soidade.
Xun
1
Chegados a este punto, os pactos entre socialistas e nacionalistas parecen feitos. Xa non hai sopresa, nin incertezas respeito ao éxito das negociacións. Varela e Jorquera están escenificando estes días a dureza das conversas con interminables encontros, pero os dous saben de sobra que o importante non ten negociación.
Explícome. Dentro dos pactos que están a negociar ambas forzas, existen os Pactos A e mais os Pactos B. Hai uns pactos de primeira, e outros de segunda. Os da clase a son os urxentes, os outros son os que poden esperar.
Pactos A: naqueles concellos onde o PP foi a forza máis votada. Se non existe acordo, sairá elixido un alcalde do Partido Popular. Requírese acordo urxente. É o caso de Vigo, de Ourense, de Pontevedra ou das deputacións de Lugo e A Coruña. En todos os casos, o acordo entrambas forzas está máis que apalabrado. Xa o deixou claro Santi Domínguez en Vigo o mesmo día das eleccións, como exemplo. O fracaso Ventura-BNG debe servir de exemplo de que cun alcalde do PP, ningunha das dúas forzas políticas progresistas sae gañando. A saída de Cacharro, de Poly ou de Corina dase por feita. Iso é, hoxendía, innegociable. Todos estes pactos A, ou case todos, están resoltos.
Pactos B: aquí ven o problema. O pacto, en si, non é necesario para que o vencedor logre a alcaldía, e por iso ambas forzas teñen máis corda que tensar, pero tamén máis marxe para negociar, polo menos ata a primeira aprobación dos orzamentos municipais. É dicir, nin Losada, nin Bugallo, nin Irisarri nin Orozco necesitan -en principio- ao BNG. Pero unha actitude en contra do nacionalismo pode complicar moito as cousas, tal como sucedeu en Vigo no etapa pre-corinista.
En todo caso, a saúde das relacións nas cidades entre os socios de Goberno poden ser, a pequena escala, un anticipo das estratexias que levarán a cabo socialistas e nacionalistas cos seus compañeiros de cama. Desta volta, están en xogo o goberno das sete cidades e dúas das catro deputacións. Case nada.