Arquivo para a categoría quintana.
Feb
2
Que non se alarme ningún lector, non. O bipartito goza da mesma saúde que hai unha semana, e hai un mes. O que pasa é que os cruces de acusacións entre nacionalistas e socialistas empezan a ter tal magnitude que, de aquí en adiante, non lles quedará máis remedio que convivir como inimigos íntimos, como Sabina e Fito Páez. Amigos sobre a moqueta de San Caetano. Inimigos nos mítines electorais.
Esta é a primeira ocasión en que os socios de Goberno na Xunta loitarán face to face, diante dos medios e con luz e taquígrafos. Ata agora, o único proceso electoral fora o das municipais, no que apenas trascenderan liortas de importancia. Entroutros motivos, porque tampouco tiña moito sentido tirarse a louza entre eles e, días despois, verse obrigados a pactar en boa parte dos concellos galegos.
Pero as xerais son diferentes. O BNG non precisa dos socialistas para nada. E Zapatero, por moi axustado que estea o resultado final, pouco lle ten o que acaden os nacionalistas no Congreso. Moi, moi axustadas terán que estar as contas para que o PSOE precise do nacionalismo galego, aínda que isto non significa que o BNG non poida ser decisivo en Madrid. Pero ben saben na sé nacional de Rodríguez de Viguri que iso de non xogar con dúas barallas (estilo CiU ou PNV), adaptables a calquera ideoloxía e pacto, réstalle capacidade de decisión á formación frontista. Iso, engadido ao número de escanos, claro.
E con estas, empezaron os golpes. A Quintana non lle gustou o dos 400 euros de ZP. Pouco tardou o xefe de Organización dos socialistas, Ricardo Varela, en comparar esa medida co salario de liberdade que promove a Vicepresidencia. A crítica de Quintana “ten moito que ver” coa campaña electoral, dixo o político lucense.
E a cousa, lonxe de amainar, continúa. Agora toca plano acuícola. Hoxe mesmo, o BNG ofreceulle un pacto ao PSdeG para modificalo deixando tres piscifactorías. Esa proposta non foi ben acollida polos socialistas, que lles acusan de “airear” os trapos sucios do Goberno fóra de San Caetano.
Tendo en conta que aínda un mes para a cita electoral… alguén da máis?
Dec
13
Acude Anxo Quintana á Moncloa con ánimos renovados, con ganas de comerse o mundo enteiro. Tiña fame o portavoz nacionalista, e nada mellor que un palacio gubernamental para saciala. Nas cociñas da casa de Rodríguez Zapatero teñen as despensas cheas de competencias, cartos e outros agasallos dispostos a compracer a calquera mandatario que se precie.
Pero o feo do asunto non é o que conseguiu Quintana. Tampouco o que non conseguiu, ou o que lle volveron negar. A cuestión é, simplemente, de formas.
Zapatero non saiu á porta da Moncloa a recibir a Quintana. Non hai foto dos dous mandatarios dándose a man na entrada da casiña, ou invitándolle a introducirse no recinto residencial. Do típico, nada de nada. Supoñemos que o de Allariz petaría na porta, ou chamaría ao timbre. Quintana sempre foi un home de recursos.
Arriscándonos a falar de máis, resulta novidoso que o xefe do Executivo pasase olimpicamente dun invitado como o noso vicepresidente. Quizais veulle nese momento un apretón, ou Quintana foi demasiado puntual, ou… En todo caso, négome a pensar que o presidente do Talante estea perdendo facultades agora que remata a lexislatura.
Set
4
Ao fío das Galescolas, estamos escoitando estes días moitas parvadas nos medios de comunicación de Madrid:
Cuando Quintana eructa, en vez de hablar gallego
La Xunta de Galicia entroniza “la raza superior celta” en una web educativa
Nacionalismo para bebés
La pesadilla de las galescolas
Gallegos a la fuerza
A Antxo Quintana (BNG) o el mundo al revés: los jóvenes gallegos prefieren hablar castellano pero él quiere imponer ‘galescolas’ en Galicia
Giliescolas y rotulistas
Aínda que aínda non superan aquel artigo de Antonio Burgos en ABC: “Que pesadez, otro Carod en Galicia”:
Nos sale un Carod en Galicia. Otro. Qué pesadez. Como los plátanos de Canarias, pero al revés: dos Carod, peor que uno. La comparanza con Carod no es gratuita. La guarrísima camisa negra de Carod, que no conoce el Ariel, es paralela a la cara sin afeitar de Anxo Quintana. Ambos parecen no tenerle demasiada afición a la ducha: hay que ahorrar agua tras la anulación del Plan Hidrológico, Narbona dixit y Pixie. Y en los dos, la misma incógnita onomástica. Ya sabemos que Carod es completamente Pérez. Pero ¿cómo se llama de verdad Anxo Quintana? Quintana lo entiendo. Lo que no entiendo es Anxo. ¿Qué demonios o meigas significa? Urge una teórica al resto de España, perdón, del Estado Español, para que sepamos qué significa Anxo, cómo se pronuncia Anxo. Sabíamos que Manuel Fraga significaba Manolo, Meyba en Palomares, significaba La Calle Es Mía. ¿Pero qué significa el que por ahora nos parece más Anxo que largo, el que ganó las elecciones perdiéndolas? ¿Podemos pronunciarlo así, Ancho, tan panchos? ¿Anxo es Ángel? Si es Ángel, ¡la que nos espera con este angelito!
Mai
28
Pasadas as eleccións cada formación política realiza as súas análises e valoracións. E sendo este o caso duns comicios locais, raro é que os partidos acaden victorias rotundas ou fracasos estrepitosos. Habendo 7 cidades e 315 concellos resulta complicado non apañar boa colleita.
Pero as cifras non enganan. Os datos son poderosos, non deixan lugar a engano ou a dobres lecturas. E no 27-M hai un claro vencedor, o PSdeG; uns que se manteñen con matices, o BNG; e outros que perden votos e poder, o PPdeG. Guste ou non.
Collendo lapis e calculadora, resulta que o Partido Popular vén de quedarse sen 84 concelleiros en Lugo e outros 84 concelleiros en Ourense. Aí perdeu as eleccións o partido de Núñez Feijoo, e xa de paso, deixouse polo camiño a todopoderosa Deputación de Lugo, institución clave no control e financiamento dos concellos lucenses.
A caída da dereita no rural galego contrasta co bo comportamento nas cidades, onde precisamente ninguén daba un duro polo PP. Subiu Conde Roa en Santiago, Negreira na Coruña e Juncal mantivo o tipo. Tamén o fixeron Telmo Martín en Pontevedra e Corina en Vigo. Pero ese esforzo resultou inútil. Co sistema electoral vixente no país, e co tripartidismo preponderante en Galicia, tanto ten que Conde Roa obteña 2 ou 12 concelleiros. Na práctica tenche o mesmo valor: o da oposición.
PSdeG: vencedor
O claro gañador dos comicios é o PSdeG. Os socialistas -salvo traizóns inesperadas- gobernarán en todas as cidades salvo en Pontevedra. Tamén liderarán a Deputación de Lugo e a da Coruña, e un puñado de votos impediu que Louro presida a de Pontevedra. Touriño estaba radiante, moito máis que nas pasadas eleccións autonómicas, cando contaba con varrer a Fraga e ao final acabou sufrindo no reconto emigrante de Pontevedra.
Nin Touriño contaba con semellantes resultados: con gañar 55 concelleiros en Lugo, outros 55 en Ourense, 37 en Pontevedra e 43 na Coruña. Dunha tallada, o PSdeG métese de cheo na vida municipal das provincias do interior e consolida a súa hexemonía nas cidades, con dous pequenos lunares: a Deputación de Pontevedra, que ata o 90% estivo nas mans socialistas, e as preocupantes baixadas de Bugallo, Losada e Orozco. Hai quen ve unha certa relaxación nos votantes, ou un medo ás maiorías absolutas.
BNG: claros e sombras
En canto ao BNG, os nacionalistas teñen material dabondo para facer unha única valoración. En xeral, os nacionalistas lograron incrementar o número de concelleiros en Lugo (12), Ourense (28) e A Coruña (27), e perder un só edil en Pontevedra. En menor medida que o PSdeG, pero tamén empeza a darse a coñecer nos concellos rurais galegos, onde ata agora eran pouco menos que uns descoñecidos.
Mais Quintana non tiña boa faciana, por algunhas razóns: a caída de Fernández Lores en Pontevedra, a única cidade en poder do BNG; o estrepitoso tortazo en Ferrol, onde perden a condición de ‘chave de goberno’ en favor de Esquerda Unida; ou o feito de que aínda sexan moi poucos os concellos gobernados por nacionalistas. Motivos dabondo para reflexionar.
En troques, o de Allariz ten un as na manga dun valor incalculable: exceptuando Ferrol, os votos do BNG serán imprescindible para que o PSdeG poida gobernar nas sete cidades galegas, incluindo o simbólico que resulta que o BNG teña algo que dicir na Coruña. Salvando as distancias, é o máis parecido a aquela dulce derrota que sufriu Felipe González ante Aznar.
Arquivado en:
municipais,
psoe,
eleccións,
política,
pp,
quintana,
feijoo,
touriño,
ferrol,
conde roa,
bng |
Comentarios (0)
Mai
20
Hai quen di que se a Quintana o pos nunha batería, toca a batería, e se o pos a sachar patacas, sacha patacas. É o candidato ideal. Se ten que repetir unha frase de forma machacona, os chamados soundbites, faino en cada discurso, entrevista, faladoiro e presentación pública. Todos estes xenios do marketing político que andan despregando a súa sabedoría polos partidos e gabinetes soñan con algo así.
¡Que pesado!, pensas, ao escoitar por décima vez aquilo de “temos que educar a Madrid no respecto por Galicia”, ou estoutro de “o PP non consegue pactar con ninguén en ningún lugar do Estado”, ou aqueloutro de “o urbanismo que defende o BNG é limpo e puro…”, pero seguro que calquera de nós podemos enumerar agora, sen esforzo, varios deste slogans.
A política, dende hai algúns anos baséase en gran medida nesa repetición constante de ideas-forza, e na difusión de imaxes e vídeos do candidato en situacións impactantes, as chamadas foto-ops. O poder da imaxe, dos impactos visuais. Os políticos esfórzanse por entrar e permanecer na mente dos televidentes o maior tempo posible, confundidos nun bombardeo continuo de estímulos. Atrás quedaron o debate argumentado e as ideas. Porén, hai quen di que coa ciberpolítica regresa a discusión racional, a participación, a opinión crítica.
Quintana é un candidato do seu tempo, do noso tempo, o mesmo que Mas, que Zapatero, que Blair ou Segolene Royal. Isto non é unha crítica, máis ben un eloxio. A min gustaríame que as cousas na política fosen doutro xeito, pero están como están, hoxe por hoxe. Demasiados consultores, expertos en marketing político e spin-doctors. Así que, postos a facer un xogo pouco vistoso, pois polo menos xogalo da maneira máis efectiva: repetindo os slogans, sen deixar de sorrir ou tocando a batería.
Mai
15
Houbo debate. A pasada semana estivo Quintana, onte estiveron Quintana e Feijoo. ¿A vindeira irá Touriño? Non o creo. Normas do marketing político español: o que goberna non debate, sobre todo se a oratoria non está entre as súas virtudes.
O debate de onte á noite volveu demostrar que a xente non é tan apática como se repite de continuo, como algúns se empeñan en repetir (¿de xeito interesado?). Un debate tremendamente aburrido, retórico e lento tivo un 18% de audiencia (a pasada semana quedara no 15%, e a anterior no 10%).
A xente non vai ler longas análises da situación política, nin se vai esforzar en consultar o grosos programas-marco dos partidos, pero si quere ter información, quere escoitar as propostas dos candidatos, reclama que as ideas se debatan. Un autor xa clásico nas Teorías da Comunicacióm, William Gamson, denunciaba os intentos de negarlle aos votantes a súa dimensión racional: repetía que os cidadáns non son tan parvos nin están tan mal informados.
Non nos tomen por parvos, por favor. Non o somos.