Arquivo para a categoría Sen clasificar.
Set
19
Nas últimas semanas vimos asistindo a continuas friccións, escaramuzas tan só, entre os representantes de BNG e PSOE na Xunta. Está detrás a inmediata negociación dos orzamentos do executivo galego. E están detrás as eleccións de marzo. Curiosamente, os roces estanse producindo, en concreto, en todas aquelas áreas que non quedaron repartidas de xeito estanco hai dous anos, nas negociacións para formar goberno. O reparto foi tan efectivo que os conselleiros e directores xerais de Sanidade non teñen por que coincidir no mesmo edificio cos de Medio Rural en todo o ano, e os de Industria poden pasar meses sen ver aos de Presidencia. Pero houbo algunhas áreas nas que se tivo que facer un reparto máis complexo: o audiovisual, por exemplo, que caeu do lado socialista pero do que Cultura non se quixo desprender por completo. Ou a investigación, a cabalo entre o Igape (PSOE) e Industria (BNG). Ou a CRTVG, na que cada partido foi escollendo a xestores próximos nos informativos e nos programas, na dirección da TV ou na dirección do Ente.
Aí é onde se producen as friccións. O BNG quere gañar influencia sobre a investigación e a innovación, e quere recuperar para Cultura a Industria Audiovisual. De igual xeito, o PSOE quere restarlle competencias ao propio vicepresidente na área do Benestar, asumindo a través dos concellos nos que goberna a aplicación da Lei de Dependencia.
Os gobernos de coalición son a norma en toda Europa, sobre todo naqueles países cun sistema electoral proporcional coma o noso. A presenza de varios partidos nun goberno é positivo, por sistema, pois iso significa a presenza de distintas sensibilidades sociais, distintos puntos de vista da realidade. Un goberno máis semellante á sociedade que goberna. A competencia dentro dun goberno tamén é boa, pois impulsa aos seus integrantes a traballar por facelo mellor que os outros partidos ou faccións, mellorando a xestión, en consecuencia. Apenas unha cautela: esta competencia debe ser positiva, debe medirse en traballo, en iniciativas, non en rexoubos, intrigas e cambadelas.
Mai
27
23:18
Na campaña falouse moito da especulación urbanística, sobre todo en certos concellos da mariña lucense e das Rías Baixas.
En Foz o PSOE repite vitoria pero perde dous concelleiros e con eles a maioría absoluta, ¿pactará o BNG? En Barreiros, en cambio, o PP retén a maioría absoluta.
Nas Rías Baixas, o PP perde Nigrán, que pasa a estar gobernada polo PSOE; e Gondomar, que terá alcalde nacionalista .
Outras curiosidades: en Ares, o duelo fratricida entre os dous xemelgos Cendán, acabou coa perda do goberno para o PP; gobernará o PSOE. Por certo, o PP (liderado por José Manuel Cendán) perde un concelleiro, precisamente o que gaña o partido creado polo seu irmán xemelgo Luis.
En Ortigueira, o seu alcalde Antonio Campo recunca, con máis do sesenta por cento dos votos, aínda que perde algúns apoios.
En Toques, Xesús Ares gañou as eleccións, pero necesitará ao PP para gobernar. ¿Pactará o PP?
E, como derradeira curiosidade, Palas de Rei, a vila de José Blanco, seguirá gobernada polo PP.
Mai
27
22:45
Novos datos, que xa case permiten facer unha valoración global: O PP gaña en Carnota (pérdea o BNG), Moeche, Rois (pérdea o BNG), A Pobra, Ribeira, Barreiros e Lalín.
O PSOE gaña en A Estrada, Nigrán e Burela (pérdeas o PP), Corcubión e A Guarda.
O BNG gaña en Gondomar, Carballo, Sada, San Sadurniño, Mondoñedo, Monforte e Bueu.
E cambios nas deputacións de Pontevedra e Lugo, que pasan a estar gobernadas polo PSOE.
Atención aos recontos en Cabanas, Porriño, Ponteareas, Cambados, Sanxenxo, Noia e Celanova. Haberá que agardar ao 100%.
Mai
27
22:10
Primeiros datos ao 100%, e con cambios importantes:
Fene: O PSOE gáñalle a alcaldía ao BNG
Melide: O BNG gáñalle a alcaldía a PP
Narón: TEGA matén o goberno
Brión: PSOE mantén o goberno
Mugardos: BNG mantén o goberno
As Pontes: O PSOE gáñalle a alcaldía ao BNG
Neda: TEGA gáñalle a alcaldía ao PSOE
Chantada: O PSOE gáñalle a alcaldía ao PP
Ribadeo: O BNG gáñalle a alcaldía ao PSOE
Cangas: O BNG gáñalle a alcaldía ao PP
Marín: PSOE mantén o goberno
Moaña: BNG mantén o goberno
Vigo: O PSOE gáñalle a alcaldía ao PP
Vilagarcía: PSOE mantén o goberno
Mai
27
21:30
Chegan os primeiros datos reais, moi variados (hai concellos co 60% escrutado e outros con menos do 10%), e hai de todo. Titular: vai ser unha boa noite para o PSOE en Galicia, para o BNG hai noticias agradables e outras non tanto (algunhas terribles, case), e o PP baixa en xeral, aínda que manterá un importante poder municipal. IU, pola súa banda, terá que frear (iso parece) o entusiasmo provocado polas enquisas “a pé de”.
Confírmase que a cousa está igualada en Ourense entre PP e PSOE, que mantén a súa vantaxe sobre o BNG. O mesmo que en Pontevedra, con gran igualdade entre Lores e Casal, pero cunha vantaxe sólida para o actual alcalde.
En Vigo, Caballero perfílase como alcalde, pero Corina aínda ten posibilidades. En Ferrol, as enquisas das 20h clavaban os datos.
En Santiago, Coruña e Lugo o PSOE manterá o goberno, pero sen maioría absoluta, e hai lixeiras subidas para o PP e BNG.
Nas vilas hai sorpresas (perdón se digo algunha barbaridade, pero hai concellos ao 20%): O PSOE podería gañar A Estrada, Fene (!!!), As Pontes (!!!), Sada, Ares e Sarria. O BNG podería gañar Teo, Cangas e mesmo Celanova ou Ribadeo. O PP perde posicións, pero mantería o meirande número de gobernos municipais.
¿E TEGA? Ollo aos resultados en Narón, Neda, Os Blancos…
Mai
27
20:20
1- Non hai maiorías absolutas. Para Orozco, Losada e Bugallo significa que terán que pactar. Para Corina e Poly significa que poden pasar á oposición
2- O PSOE sobe moito onde non goberna, mesmo en Ourense.
3- O BNG baixa nas cidades, moito en Ferrol, bastante en Pontevedra e Vigo e algo en Santiago.
4- IU agroma como cuarta forza, dez anos despois. Ademais do seu extraordinario resultado en Ferrol, podería ter representación en Santiago, A Coruña e Lugo.
Por suposto isto é tan só unha enquisa (a única enquisa, de feito). Os datos reais, moi pronto. Os datos son malos para o PP (quedaría sen goberno urbano ningún en Galicia), malos igualmente para o BNG (que chegou a soñar con Ourense e agora teme por Pontevedra), e moi bos para o PSOE, que gobernaría seis das sete cidades, aínda que sen ningunha maioría absoluta (en calquera caso, non creo que ao PSOE lle importe moito perder a maioría absoluta na Coruña)
Mai
27
19:55
¿Como interpretar os únicos datos que temos até o de agora: a participación? A participación baixa lixeiramente en Galicia, pero moito menos que no resto do Estado. Hai que lembrar que as eleccións do 2003 foron as das manifestacións contra a guerra e as do Prestige. Unha mobilización que non se produciu este ano. O PSOE e nivel estatal temíalle moito a esta desmobilización.
¿E en Galicia? Crece a asistencia ás urnas en Ourense e Lugo. ¿Mantén o PP os seus feudos? Baixa moito nas cidades, sobre todo A Coruña, Santiago ou Ferrol. ¿De que eran eses votos? Un voto masivo adoita ser un voto de cambio, e este non o é. ¿Que pasará?
Mai
9
Non nos enganemos. Vista dende fóra a política é moi aburrida. Está chea de verdades a medias e intercambios de acusacións sen moito sentido, que actúan como cortinas de fume para as verdadeiras decisións importantes, sempre mal explicadas por uns medios de comunicación cuxos beneficios dependen de mais deste xogo.
Porén, aínda que non lle guste a case ninguén, non podemos vivir sen a política. O noso estado de evolución cultural fai necesario todo ese tedioso entramado administrativo e lexislativo, e non semella que a cousa vaia cambiar nun futuro. Así que darlle de lado á política é negarse a entender unha parte do noso entramado social.
Non é tan difícil. No fondo, o día a día dos nosos excelsos administradores é como un culebrón. Unha vez que un coñece os personaxes e as relacións entre eles, resulta adictivo seguir o argumento.
Con todo, a nosa intención non se queda nunha análise en clave política do que sucede ao norte de Portugal e ao oeste dos Ancares. Ese é unicamente o punto de partida, a base do proxecto. O resto queremos que veña de vós, das vosas opinións, e da peculiar visión que tedes do que sucede de Pérez Touriño cara abaixo. Iniciamos o blog con promesas e boas intencións. Será que imos collendo certos hábitos dos nosos protagonistas?