Arquivo para a categoría Vigo.

PARVADAS AO REDOR DA VOLTA

Por MarcosPerez
Ago 21

Levo días escoitando parvadas ao redor da organización das etapas galegas da Volta a España. Primeiro foi o PP, hai unha semana, e agora é Ciudadanos de Catalunya, que por certo repite palabra por palabra a denuncia do Partido Popular. Gañas de chamar a atención en ambos os dous casos, de aparecer nos medios, sobre todo no caso de C’s, esa fantasmagórica formación política baseada no populismo e a demagoxia máis destrutiva; unha auténtica “marca branca” do PP.

As críticas que lle fan á Consellería de Cultura e Deportes son varias: 1- Que a Volta sae de Vigo, a cidade do ex director xeral para o Deporte, Santi Domínguez. 2- Que a maior parte das chegadas e saídas teñen como escenario concellos gobernados polo BNG. E 3- Que ningún deses concellos está gobernado polo PP.

Mira que hai cousas que criticarlle ao bipartito, pero saír con isto son gañas de facer o ridículo.

Vexamos:

1. A Volta sae de Vigo porque é, con moita diferenza, a comarca con máis tradición ciclista de Galicia

2. Que eu saiba, Vigo, Santiago e Viveiro están gobernados polo PSOE, non polo BNG

3. A Volta non sae nin chega a concellos gobernados polo PP, simplemente porque o PP apenas goberna en vilas con capacidade para acoller eventos desta dimensión, agás Ribeira (13º concello de Galicia) e Lalín (22º).

Arquivado en: pp, Vigo | Comentarios (0)

Pactando, que é xerundio

Por JacoboRey
Xun 1

Chegados a este punto, os pactos entre socialistas e nacionalistas parecen feitos. Xa non hai sopresa, nin incertezas respeito ao éxito das negociacións. Varela e Jorquera están escenificando estes días a dureza das conversas con interminables encontros, pero os dous saben de sobra que o importante non ten negociación.
Explícome. Dentro dos pactos que están a negociar ambas forzas, existen os Pactos A e mais os Pactos B. Hai uns pactos de primeira, e outros de segunda. Os da clase a son os urxentes, os outros son os que poden esperar.

Pactos A: naqueles concellos onde o PP foi a forza máis votada. Se non existe acordo, sairá elixido un alcalde do Partido Popular. Requírese acordo urxente. É o caso de Vigo, de Ourense, de Pontevedra ou das deputacións de Lugo e A Coruña. En todos os casos, o acordo entrambas forzas está máis que apalabrado. Xa o deixou claro Santi Domínguez en Vigo o mesmo día das eleccións, como exemplo. O fracaso Ventura-BNG debe servir de exemplo de que cun alcalde do PP, ningunha das dúas forzas políticas progresistas sae gañando. A saída de Cacharro, de Poly ou de Corina dase por feita. Iso é, hoxendía, innegociable. Todos estes pactos A, ou case todos, están resoltos.

Pactos B: aquí ven o problema. O pacto, en si, non é necesario para que o vencedor logre a alcaldía, e por iso ambas forzas teñen máis corda que tensar, pero tamén máis marxe para negociar, polo menos ata a primeira aprobación dos orzamentos municipais. É dicir, nin Losada, nin Bugallo, nin Irisarri nin Orozco necesitan -en principio- ao BNG. Pero unha actitude en contra do nacionalismo pode complicar moito as cousas, tal como sucedeu en Vigo no etapa pre-corinista.

En todo caso, a saúde das relacións nas cidades entre os socios de Goberno poden ser, a pequena escala, un anticipo das estratexias que levarán a cabo socialistas e nacionalistas cos seus compañeiros de cama. Desta volta, están en xogo o goberno das sete cidades e dúas das catro deputacións. Case nada.

MARÉS, ENQUISAS E ELECCIÓNS

Por MarcosPerez
Mai 18

Ninguén sabe con certeza o que pasará o 27 de maio. Hai enquisas, claro, pero as enquisas non son infalibles. As enquisas son moi certeiras á hora de reflectir a intención de voto directa, pero hai unha certa proporción de voto oculto e de votantes indecisos que poden decidir o resultado, sobre todo naqueles lugares nos que as cousas están moi axustadas. Hai que saber facelas, que a “cociña”, que é a verdadeira artesanía das enquisas, consiga que esa simulación se pareza o máis posible á realidade. De igual xeito, un dos principais problemas das enquisas é que por moi ben que se fagan, non deixan de ser fotos fixas, amosan un estado de opinión nun momento dado. Polo tanto, hai que saber ler as tendencias que amosan estas sondaxes.

Porque hai tendencias, marés que se perciben en cada Concello, a favor ou en contra de cada candidato. No fondo, esas cousas sábense, nótanse. Sábeno os políticos de todos os partidos, sábeno os xornalistas, e sábeno os votantes. Contra eses movementos de arrastre é difícil loitar, e moitas veces o máis que poden facer os candidatos con novas propostas, declaracións, propaganda ou fotos, é minimizar os seus efectos.

En Santiago fálase cada vez máis abertamente da posibilidade de que Bugallo acade a maioría absoluta. Entre outras cousas porque Conde Roa e Néstor Rego non conseguen introducir os seus temas na campaña e semella difícil atopar un asunto potente para atacar ao candidato do PSOE.

En Vigo, pola contra, é o aspirante socialista o que non levanta cabeza. A Caballero estáselle facendo demasiado longa unha campaña na que partía con todas as vantaxes. Pola contra, Corina Porro afiánzase cada día máis e a maioría absoluta non parece un obxectivo imposible. Do mesmo xeito, a campaña de Santi Domínguez está logrando mobilizar o electorado nacionalista e de esquerdas da cidade, e no BNG comezan a soñar coas opción (pequenas pero crecentes) de recuperar a primeira cidade de Galicia.

En Ourense, a pelexa é cada vez máis cousa de dous: Enrique Novoa e Alexandre Sánchez Vidal, cunha campaña na que vai adquirindo progresivamente unha imaxe de alcalde, algo moi importante para gañar unhas eleccións. Finalmente, en Ferrol a campaña de Juncal desínflase por momentos e a vitoria de Irisarri pode ser histórica.

¿Están xustificados eses medios?

Por JacoboRey
Mai 17

Agora que pasou o peor, e que semella que xa hai acordo inicial para rematar coas protestas do naval en Vigo, chega a hora apropiada de facer balance.
Máis aló dos termos económicos, que os haberá cedo, a alcaldesa de Vigo xa falou de que o que máis danos sufriu ao longo destes días foi a imaxe de Galicia e do sector en xeral, e da cidade olívica en particular. Algo semellante ao que sucedeu durante aquelas mortes violentas nas discotecas de marras.
Algo de razón teñen. Quizais sexa a falta de costume, pero poucas veces nun país da Unión Europea tense visto a un grupo de manifestantes asaltar un edificio oficial e acabar tirando polo aire expedientes de persoas que pouco teñen que ver co tema. A imaxe da xente buscando e recollendo os informes foi, cando menos, de república bananeira.
A maior escala, pero na mesma liña, foi o que sucedeu cando aqueles traballadores do Prat acabaron na pista entorpecendo o tráfico aéreo, poñendo en risco as súas vidas e montando a marimorena no aeroporto catalán. Daquela metéronlle unha querella criminal, e desta volta, tamén.
A pregunta está clara: se ao dano “na imaxe” e o asalto á delegación de Traballo lles sumamos os cortes na autopista, os danos materiais e o malestar xeneralizado… ¿ata que punto xustifica un determinado obxectivo o uso de determinados medios?

O mal do naval

Por ArturoLosada
Mai 17

O sector naval privado galego, concentrado na ría de Vigo, non pode ter queixa. En 2005, a suma dos beneficios das 10 maiores empresas do gremio superou os 430 millóns de euros. De Vigo saen un 42% dos barcos que vende España por ahí polo mundo. Se os vigueses decidisen mañá deixar de aceptar novos pedidos, os que teñen actualmente acumulados daríalles para seguir traballando ata 2011.

Mentres o naval asiático produce barcos coma churros, o galego especialízase pedidos raros pero bos, como buques oceanográficos ou navíos de recreo personalizados. E iso pode facelo porque conta con abundante man de obra ben formada e especializada. Especializada, logo, traballa ben. Abundante, logo, faise a competencia a si mesma e non hai porque pagarlle moit nin tratalo ben, así máis cartos quedan na conta do empresario. Entre directos e indirectos, o sector xera máis de 5.000 empregos, pero non acada o 40% de contratación indefinida.

Tras case dúas semanas de folga e bronca, que se filtraron nos xornais entre a campaña electoral e María Mariño, os obreiros do metal e dos barcos semellan ter chegado a un acordo cos seus patróns e gardaron no armario a folga prevista para o luns. Agora, as empresas terán que ter un mínimo do 45% de empregados fixos , e non poderar contartar por obra ó mesmo traballador para o mesmo traballo unha e outra vez, a non ser que esa porcentaxe de indefinidos sexa do 55%.

Os sindicatos denuncian que, ante o elevado íncide de precariedade, a xente xa non ve ós estaleiros como sitio no que quedarse a traballar. A maioría dos profesionais do metal pasan por alí o minimo posible antes de pillar sitio na Citröen. Non está garantido o relevo xeracional cando os curritos comecen a xubilarse, pero iso ós empresarios dalles o mesmo. Daquela, eles tamén estarán xubilados.

A padiola mecánica

Animais políticos

Dentro das nosas limitadas capacidades, neste blog tentaremos facer resumo da trama desa longuísima serie que é a política galega sen resultar coñazo e esquivando os tópicos habituais na prensa, pois, de momento, non temos apoio institucional. Se non o acadamos, sodes libres de insultarnos nos comentarios.

Comentarios recentes