Nov
8
Como feito adrede, a comisión parlamentaria que investiga o feito na Cidade da Cultura reuniu nunha mesma mañá a Feijoo a Fraga, pasado e futuro do Partido Popular en Galicia. E máis alá do dito e do que se quixo dicir, unha cousa quedou claro: Fraga todavía segue a ser a referencia política de moitos galegos. Iso sábeno todos os medios. Fraga vende, fale ou non fale. Fraga sempre é noticia.
Xa quedou demostrado polo overbooking de xornalista na sala de comparecencias. Ou polo colapso informático no Parlamento, motivado pola multitude de conexións a internet para ver en directo a comparecencia do León de Vilalba. Todo expectación.
Con esas, a presenza de Feijoo pasou pouco menos que desapercibida. Foi o segundo prato do universo da centrodereita galega, algo ao que non está todavía acostumado. Defendeu o proxecto do Gaiás, como non ía ser menos, pero o que poucos imaxinaban era o que posteriormente dixo Fraga.
O ex-presidente asumiu “erros de coordinación”, algo que salta á vista vendo o desfase orzamentario. Pero ao mesmo tempo, descargou culpas a compañeiros do Executivo popular daquel momento, e mais en concreto, os titulares de Economía e Cultura, Orza e Pérez Varela.
Mais como en toda boa comida, faltaba o postre. E o postre veu da man dun arquitecto alemán, con aspecto chinés e o único ao que non lle gustou a proposta de Eisenmann, ata o punto de votar en contra cando integraba o xurado. Wilfried Wang elevou a 600 millóns de euros (100.000 millóns das antigas pesetas) o custo da obra. Só do remate da obra.
A Wang non se lle escapou que os 700.000 metros cadrados do Gaiás haberá que enchelos de contidos, limpalos, darlle luz e o máis importante, promocionalos internacionalmente para lle obter rendabilidade. O traballo da comisión céntrase no pasado, pero o arquitecto non deixou de falar do futuro. De aquí a 50 anos. Outra mentalidade, quizais?
Out
23
Pasada a resaca dos Orzamentos da Xunta, a actualidade política derivouse cara outros temas. Por un lado, Anxo Quintana vén de botar outra vez un pouco de sal sobre a ferida dos emigrantes, esa que leva anos aberta e que se precisa dun consenso amplo para solucionala. E por agora non o hai. Pero esa non é a cuestión.
O outro tema de debate está estes días no Parlamento. Máis en concreto, no embarazo da deputada do PP Amparo González. Nun estado de xestación moi avanzado, é de esperar que lle toque en breve coller a baixa por maternidade. E os días que estea de baixa, non acudirá o Parlamento. E loxicamente, non poderá votar. Aí está o cuestión.
Para o caso práctico, o resultado das axustadas votacións non ten porqué variar. PSdeG e BNG suman 38, e o PP, 37. Neste caso, o PP pasaría a ter 36. Nada cambiaría.
Pero o partido de Feijoo acaba de presentar unha iniciativa interesante, na que pide a posibilidade de delegar o voto a outra persoa neste tipo de circunstancias, de tal xeito que González poida votar dende a súa casa.
O curioso do tema é que na exposición de motivos, o PP comentaba a modo de anécdota -pero cunha interesante reflexión- que as que en realidade non podían quedar embarazadas eran as deputadas nacionalistas ou socialistas. O axustado da maioría do Bipartito, din os populares, o impediría.
Polo de agora xa ten ocorrido unha cousa semellante. Nunha ocasión, o deputado Lage Tuñas chegou tarde a unha votación e non puido participar nela. Con todo, e en caso de empate técnico (como foi o caso), o voto da presidenta do Parlamento serviu para decidir esa votación.
Ora ben, que pasaría se dúas deputadas do bipartito quedan embarazadas en datas similares? A cada vez maior presenza da muller, e cada vez de menor idade, na Cámara incrementa as posibilidades de que suceda isto. Dende logo, xa teñen cambiado os tempos en que a Pasionaria foi deputada nas primeiras Cortes democráticas. Outros tempos, señores.
Hai quen tamén opina que o máis lóxico sería unha substitución temporal por outro deputado, neste caso o seguinte na lista na que estaba incluida a embarazada. Está por debatir o tema…
Pero decidan o que decidan, cómpre poñer solución a isto. Máis que nada, porque tal e como está a demografía en Galicia, non é plan que as nosas señorías se absteñan de traer fillos ao mundo polo mero feito de non perder unha votación parlamentaria. Ou acaso queren impedir a conciliación da vida laboral e familiar? Menudo exemplo!
Out
10
Toca elaborar os orzamentos da Xunta. Antes de que remate o ano teremos as contas da Administración autonómica para 2008 e non esperen grandes novidades, que non as haberá. Sanidade e educación captarán a maioría dos fondos que xestiona o Goberno galego. É o que ten vivir na sociedade do benestar.
Pero nunha desas reunións con sindicatos e empresarios previas á presentación no Parlamento dos OXG (Orzamentos Xerais de Galicia, para entendermos), adiantouse a previsión de crecemento do PIB galego para 2008: nada máis e nada menos que un 3,5%.
A cifra, se se cumpre, non é mala. Todo o contrario. É máis que a previsión do crecemento estatal, e tamén supera a estimación realizada polo Goberno galego para este 2007. Sen embargo, nesa reunión púxose de manifesto que salvo catástrofe, a economía galega terminará crecendo unha media de un 4% neste ano. E ollo, que nalgúns meses chegou crecer aínda máis. Cifras inmellorables, dende logo, cunhas exportacións e un sector industrial a pleno rendemento.
Pero albíscanse tempos de retroceso. Chámenlle desaceleración, recesión ou como lles guste. Resumindo: dase por feito que a economía crecerá en 2008 menos do que creceu este ano.
Tanto as consecuencias como as causas están claras. Causas: a situación da economía mundial e o parón que sufrirá a actividade inmobiliaria derivada da primeira. Só os ousados atrévense a día de hoxe a mercar terreos, suscribir unha hipoteca ou xogarse os cartos na bolsa. Dá a impresión de que a maioría da xente está, tirando de tópicos, a velas vir. Pero as hecatombes de Astroc ou LLanera teñen suficiente importancia como para non tomar o tema a cachondeo.
En canto as consecuencias, a Xunta xa fala de que se crearán 32.000 empregos, fronte aos 37.000 creados este ano. Agora ben, a patronal tamén advertiu de que o impulso da obra pública será clave para a caída da construcción residencial. En conxunto, a construcción -e actividades derivadas- dá traballo a preto de 200.000 galegos. Porque guste ou non, o Fogar de Breogán tamén utiliza un bo número de ladrillos.
Out
4
Por fin. Abriuse o debate. 25 anos despois da aprobación da Constitución, comeza a debilitarse o gran tabú da monarquía. A fenda aberta aínda é pequena, pero comeza a falarse do tema nos medios, os actos de protesta vanse facendo máis frecuentes, e o tema instálase nas axendas, con características de conflito.
Ademais, a familia real, os grupos monárquicos e os sectores máis conservadores estánse trabucando na súa reacción desaforada contra calquera crítica á familia real. Converteron unha simple caricatura nun acto delictivo. E de igual xeito están elevando unha manifestacións pacíficas á categoría de terrorismo, de atentado contra o estado de dereito e non sei que máis saídas de pata de banco.
Estanse equivocando, porque grazas á cobertura que están facendo dunha simple queima dun retrato do rei (unha cobertura na que a maior parte dos medios equiparan este acto ás accións terroristas de ETA), están colocando nas portadas o debate monarquía-república. E están conseguindo que pola natural solidarieadade coas vítimas dunhas reaccións tan desproporcionadas contra uns simples actos de protesta, moitos cidadáns comecen a posicionarse abertamente a prol da república.
Benvido sexa o debate. Xa era hora.
Out
2
A proposta de referendo lanzada por Ibarretxe a pasada semana está monopolizando o debate político. Pero pode producir un efecto máis importante: pode facer pivotar as eleccións de marzo sobre o conflito identitario, sobre todo naquelas nacións do Estado nos que este conflito é máis forte, Catalunya, Euskadi e, con dúbidas, Galicia. É un discurso no que o PNV móvese moi ben (acadou os seus mellores resultados coincidindo coa ofensiva nacionalista do segundo goberno Aznar), o mesmo que o PP, que busca desesperadamente temas cos que atacar a Zapatero, así como o nacionalismo catalán; ERC intentará repetir os fenomenais resultados que lle brindou o acoso do PP e a prensa conservadora en 2004, mentres que CiU buscará recuperarse acusando a Zapatero e ao PSC de incumprir as súas promesas cara a Catalunya, tanto na xestión das infraestruturas e transportes, coma no caso do Estatut.
A proposta de Ibarretxe está condenada a fracasar. En primeiro lugar porque non pasaría de ser unha consulta simbólica, e en segundo lugar porque o PNV volve trabucarse ao lanzar un discurso rancio, tradicionalista, propio doutro século, moi diferente do que é hoxendía Euskadi e o propio nacionalismo vasco. De feito, dificilmente atopará o apoio de EA, Aralar, Ezker Batua e moito menos o da esquerda abertzale. Pero é que a proposta de Ibarretxe só busca a cohesión interna do propio PNV e maximizar os seus resultados electorais en marzo, que serán mellores canto máis dura sexa a resposta dos partidos e dos medios de comunicación en Madrid.
¿E o PP? Contentísimo. Por fin ten un tema co que facer oposición ao PSOE. Os debates identitarios favoréceno e mobilizan o seu voto. De feito, xa lanzou “Somos España”, a súa campaña nacionalista (un nacionalismo rancio, antiguo e conservador, exactamente igual que o de Ibarretxe).
Set
19
Nas últimas semanas vimos asistindo a continuas friccións, escaramuzas tan só, entre os representantes de BNG e PSOE na Xunta. Está detrás a inmediata negociación dos orzamentos do executivo galego. E están detrás as eleccións de marzo. Curiosamente, os roces estanse producindo, en concreto, en todas aquelas áreas que non quedaron repartidas de xeito estanco hai dous anos, nas negociacións para formar goberno. O reparto foi tan efectivo que os conselleiros e directores xerais de Sanidade non teñen por que coincidir no mesmo edificio cos de Medio Rural en todo o ano, e os de Industria poden pasar meses sen ver aos de Presidencia. Pero houbo algunhas áreas nas que se tivo que facer un reparto máis complexo: o audiovisual, por exemplo, que caeu do lado socialista pero do que Cultura non se quixo desprender por completo. Ou a investigación, a cabalo entre o Igape (PSOE) e Industria (BNG). Ou a CRTVG, na que cada partido foi escollendo a xestores próximos nos informativos e nos programas, na dirección da TV ou na dirección do Ente.
Aí é onde se producen as friccións. O BNG quere gañar influencia sobre a investigación e a innovación, e quere recuperar para Cultura a Industria Audiovisual. De igual xeito, o PSOE quere restarlle competencias ao propio vicepresidente na área do Benestar, asumindo a través dos concellos nos que goberna a aplicación da Lei de Dependencia.
Os gobernos de coalición son a norma en toda Europa, sobre todo naqueles países cun sistema electoral proporcional coma o noso. A presenza de varios partidos nun goberno é positivo, por sistema, pois iso significa a presenza de distintas sensibilidades sociais, distintos puntos de vista da realidade. Un goberno máis semellante á sociedade que goberna. A competencia dentro dun goberno tamén é boa, pois impulsa aos seus integrantes a traballar por facelo mellor que os outros partidos ou faccións, mellorando a xestión, en consecuencia. Apenas unha cautela: esta competencia debe ser positiva, debe medirse en traballo, en iniciativas, non en rexoubos, intrigas e cambadelas.
Set
12
As tres formacións políticas deron luz verde onte á posta en marcha dunha comisión parlamentaria sobre a Cidade da Cultura. Goberno e oposición acudirán á mesma coas súas cartas, e todos cren que poden gañar. Socialistas e nacionalistas tentarán levar o debate ao pasado. Os populares, ao presente. A batalla está servida.
Pero horas máis tarde, os socios de Goberno en San Caetano rexeitaban a creación doutra comisión, neste caso para investigar a adxudicación das obras de desdobramento dunha das estradas máis tráxica da historia viaria galega.
Visto o visto, xurden as dúbidas. Non só pola capacidade que teñen as comisións de investigación que se crean nun Parlamento (en calquera). Ese é un mal endémico, pero analizando como funcionaron as do Yakolev ou do 11-M nas Cortes, semella evidente que supoñen un auténtico dispendio de tempo e de espectativas. Pode que en Estados Unidos funcionen, pero alí -por haches ou por bes- si cumpren unha función. Alí si se depuran responsabilidades, e non as toman a cachondeo.
En todo caso, a cuestión é outra. A marea de comisións parlamentaria iniciada en Galicia debería levar consigo outra reflexión. ¿Que é o que se debe investigar no Parlamento? ¿Ata onde baixamos o listón?
Por exemplo, as nosas señorías dixeron que SI a investigar as responsabilidades políticas na Cidade da Cultura, pero rexeitaron investigar os incendios forestais en prol dunha comisión de estudo, na que non participou o PP e que se acabou convertindo nunha auténtica inutilidade.
Máis. O Parlamento di que NON á investigación da Vía do Barbanza, logo de que o PP denunciase xa fai un ano unha presunta manobra política para beneficiar a o grupo Sacyr en contra de San Jose, cun coste adicional de 30 millóns de euros. En troques, opta por un SI para investigar o sucedido na Vía do Salnés, famosa pola comparecencia de Cuiña na que se negou a responder á maioría das preguntas efectuadas polos parlamentarios. Porque isto, por sorte ou por desgraza, non é América.
A pregunta é, que criterio debe rexir para que un asunto político sexa investigado polo Parlamento? Ou simplemente conta a opinión dos grupos que sustentan o Goberno, sexa cal sexa a cor política deste?
Set
6
A estas horas todas as portadas dos medios galegos en internet coinciden en destacar o mesmo: O Consello da Xunta cesou a Antón Losada, a petición propia. Marcha o odiado número dous de Quintana sen moito ruído e sen máis declaración que “voume porque é a fin dun ciclo”.
Había insistentes rumores da súa marcha dende maio, polo menos. O secretario xeral acumulou demasiadas polémicas absurdas, como o enfrontamento con El País porque falaran mal de Superpiñeiro, a bronca con Méndez Romeu por un quítame aló ese cartel e a revolta mediática para aclarar que non maltrataba a súa criada. Os inimogos medráronlle e mesmo se dixo que presentaría a súa dimisión tras as municipais, pero vese que os malos resultados do BNG (por moito que eles digan, foron malos) non aconsellaban tal mostra de debilidade. Pero vendo o caladiño e moderado que estivo Antón durante todo o verán, semella que xa tiña a decisión tomada, antes da batalla do himno e o veto da TVG.
Losada era, sen lugar a dúbidas, o alto cargo máis coñecido da Xunta (¿alguén que non sexa político nin xornalista sabería nomear a outro secretario xeral?), porque as súas funcións ían moito máis aló do que se lle supón a secretaría xeral de Relacións Institucionais. Máis que a negociar competencias con Madrid, Losada xogaba a ser o reverso tenebroso de Quintana, ese asesor que todos os políticos teñen e que serve para expresar opinións impopulares e darlle caña inclemente á oposición (ou ós socios de goberno, adepende). Iso foi Xaime Pita para Fraga, e iso é Pepiño Blanco para ZP.
Este señor da Mariña levaba tamén de modo oficioso a política de comunicación da Vicepresidencia e, algo menos, a das consellerías do BNG . Nunca se recoñeceu oficialmente, pero era un segredo a berros, os berros que Losada lle pegou a máis dun responsable mediático por non poñer os titulares que el quería. Hoxe en moitas redaccións brindarase polo cesamento.
E tamén, como home polifacético que era, sabía de márquetin político (perdóeme a palabrota, señor Pérez) e tivo tamén moito que ver coa construcción da personaxe de Anxo Quintana Vicepresidente, ese que baila con vellas (coas nosas maiores) e que lles chama galescolas ás garderías.
Moitos cargos para unha soa persoa, e en todos se extralimitou Losada, nun interese desmedido por empregar e demostrar o poder que tiña. Foi demasiado tenebroso, demasiado agresivo cos medios, e demasiado producto de márquetin. Por iso non lle caía ben a ninguén, nin dentro nin fóra do BNG, aínda que agora que ven pasar o cadáver do inimigo todo sexan palabras amables.
Queda por ver agora como camiñará Quintana sen o bastón no que se converteu o seu asesor personal nestes últimos anos.
Set
5
Na Xunta de Portavoces, ese organismo de decide os asuntos que se tratarán nos plenos parlamentarios, falouse moito onte da Cidade da Cultura. Seica hai acordo para investigar nunha comisión parlamentaria un asunto que estaría moito mellor nos tribunais, porque a comisión non pode multar a ninguén, nin metelo no caldeiro tampouco, por moitos indicios de delcitos ou faltas que atope. O lobo non come carne de lobo, e ós políticos non lles gusta meter ós gobernos anteriores en tribunais, por se acaso lles fan o mesmo a eles nun futuro.
Pero na Xunta de Portavoces revelouse outra noticia que pasou desapercibida entre o rebumbio do Gaiás: Manuel Ruíz Rivas, que ata o de agora era viceportavoz do PP, substituíu a Xosé Manuel Barreiro como voceiro do Grupo Popular no Hórreo. A cadeira do portavoz, aínda que non reporta un poder real, é moi cotizada porque garante que un vai saír moito nos medios de comunicación. Cando Barreiro apoiou a Núñez Feijóo para ser o sucesor de Fraga, obtivo para el unha vicepresidencia do PP con máis ben poucas competencias, o dereito a facer o que quixera na provincia de Lugo (por exemplo, botar fóra a Cacharro Pardo) e a portavocía do Grupo Parlamentario, o cargo con máis visibilidade despois do de líder supremo.
Porén, Barreiro viuse obrigado a recoller velas tras as municipais e a enorme cagada que supuxo perder a Deputación de Lugo, algo que só prevían as enquisas máis optimistas do PsdeG e no que o enfrontamento con Cacharro tivo abondo que ver. O PP en xeral, e Feijóo en particular, non lle dedicaron nin siquera unha lagrimiña de despedida, aló marchaba un dos poucos que, en teoría, se saía da líña actual do partido, unha liña que comeza na engominada cabeza de Feijóo e remata nas mesmas barbas de Rajoy.
Tras a retirada do home do ‘boirrete’, o PP gardou un silencio absoluto sobre quen o subtituiría (encantalle iso de gardar silencio sobre os asuntos internos, ao PP). Mesmo se especulaba coa posibilidade de que o propio Alberto Núñez asumise a portavocía parlamentaria, zarandeando un pouco o equilibrio interno imposto polo pacto da sucesión entre a xente de Feijóo (anteriormente coñecidos como xente de Romay Beccaría), a xente de Barreiro e a xente de Baltar. Pero os vaticinios non se cumpriron, o voceiro en lugar do voceiro será Ruíz Rivas, un home (teóricamente) na liña ‘boirretil’, aínda que máis agresivo nas súas declaracións do que nunca foi Barreiro.
Ruíz Rivas e un (outro) coruñés para a primeira liña política, que se formou na Deputación da Coruña e no concello de Ribeira, xunto a un liberal sen escrúpulos como José Luis Torres Colomer. Tamén é un dos deputados que máis tempo levan no Hórreo, dende 1993, concretamente. É un tipo de perfil duro e de verbas aínda máis duras. Pero, por sorte, o PP non escolleu como substituto de Barreiro ao outro viceportavoz, Roberto Castro, un dos maiores demagogos que se sentan no hemiciclo. Miren que agora xa non son moi serios, pero el os debates podían terse convertido en programas de Salsa Rosa.
Set
4
Ao fío das Galescolas, estamos escoitando estes días moitas parvadas nos medios de comunicación de Madrid:
Cuando Quintana eructa, en vez de hablar gallego
La Xunta de Galicia entroniza “la raza superior celta” en una web educativa
Nacionalismo para bebés
La pesadilla de las galescolas
Gallegos a la fuerza
A Antxo Quintana (BNG) o el mundo al revés: los jóvenes gallegos prefieren hablar castellano pero él quiere imponer ‘galescolas’ en Galicia
Giliescolas y rotulistas
Aínda que aínda non superan aquel artigo de Antonio Burgos en ABC: “Que pesadez, otro Carod en Galicia”:
Nos sale un Carod en Galicia. Otro. Qué pesadez. Como los plátanos de Canarias, pero al revés: dos Carod, peor que uno. La comparanza con Carod no es gratuita. La guarrísima camisa negra de Carod, que no conoce el Ariel, es paralela a la cara sin afeitar de Anxo Quintana. Ambos parecen no tenerle demasiada afición a la ducha: hay que ahorrar agua tras la anulación del Plan Hidrológico, Narbona dixit y Pixie. Y en los dos, la misma incógnita onomástica. Ya sabemos que Carod es completamente Pérez. Pero ¿cómo se llama de verdad Anxo Quintana? Quintana lo entiendo. Lo que no entiendo es Anxo. ¿Qué demonios o meigas significa? Urge una teórica al resto de España, perdón, del Estado Español, para que sepamos qué significa Anxo, cómo se pronuncia Anxo. Sabíamos que Manuel Fraga significaba Manolo, Meyba en Palomares, significaba La Calle Es Mía. ¿Pero qué significa el que por ahora nos parece más Anxo que largo, el que ganó las elecciones perdiéndolas? ¿Podemos pronunciarlo así, Ancho, tan panchos? ¿Anxo es Ángel? Si es Ángel, ¡la que nos espera con este angelito!