Menos mal que chove…

Por ArturoLosada
Xull 11

Veña, xa vai sendo tempo de reactivar o blog este ¿non?

A maioría dos galegos andan dende do 21 de xuño botando pestes contra este clima atlántico tan noso. Que se xa é verán e non vimos máis que néboa e choiva, que se que asco de tempo, que se así non hai quen pise a praia… Ben, razón non lles falta, pero hai que mirarlle tamén o lado bo ó asunto. E non falo da fermosura dos ceos grises, cantada por Siniestro Total, falo de que é unha sorte que chova, porque hoxe en día o mal tempo semella ser o único capaz de librarnos dunha nova crise de lumes forestais.

Moita boa intención o ano pasado, moito Pladiga anunciado a bombo e platillo, e moito exército nos montes, pero a Consellería do Medio Rural non conseguíu que Galicia deixase de ser altamente inflamable. Non se reformou o sistema de queimas autorizadas, que segue a ser un dos máis permisivos do Estado (na comunidade con máis incendios… sen comentarios). Non se lle meteu man ó principal punto feble dos servizos de extinción, as cuadrillas municipais, que de sempre serviron para colocar ós cuñados inútiles dos alcaldes e cuxa reforma quedou no limbo no que están as negociacións do Pacto Local. E tampouco se reforzaron realmente os efectivos da Xunta, quen, segundo os seus líderes sindicais, están peor que antes (o que significa, que como pouco, non melloraron en nada) e inda por riba ameazan con ir á folga.

O severo cabreo no colectivo dos axentes forestais vai máis aló. Eses tipos son os que coidan os montes todo o ano e que, como coñecen o terreo e a forma na que se espalla o lume, tamén coordinan os equipos de extinción. De sempre, os axentes forestais teñen queixas sobre as cuadrillas municipais (esas que non se reforman) porque o 90% dos seus integrantes carecen de formación e non teñen nin idea de que facer perante un incendio. E resulta que ¿como se reforza a vixiancia dos montes este ano? Co exército, si, e con voluntarios, os que se lles da un folleto e un cursiño dun día. O principal temor é que, dado o elevado número de queimas autorizadas (esas que non se reforman), a radio dos axentes forestais estea todo o día ocupada con falsas alarmas. Carne de pposición, vexan.

Así que deixen que chova, que chova, e toquemos madeira (de eucalipto, claro). Con sorte, o clima atlántico librararos doutro agosto como o de 2006, e regalaralle un ano máis o señor Alfredo Suárez Canal para enfrontarse a estes problemiñas, a ver se tal. E se teñen ganas de ir á praia, aproveiten as vacacións para ir o Algarve, que din que é fermoso nesta época do ano.

¿O HARAKIRI DAS DEPUTACIÓNS?

Por MarcosPerez
Xun 19

Nestes días en que tanto se está a falar da Transición (dende agora e até o 2012 agárdannos unhas cantas conmemoracións de “30 anos de”), é bo lembrar un dos seus elementos máis orixinais, con respecto a outros procesos semellantes. En 1976 as Cortes Franquistas votaron a súa extinción, o que se acabou coñecendo como o harakiri político. A Lei para a Reforma Política implicaba a disolución das Cortes e a celebracións de eleccións democráticas; supoñía a transición da ditadura á democracia, “da lei á lei, pasando pola lei”. O franquismo debatiu a súa desaparición orgánica, e votou “si”.

Lembro isto estes días nos que tamén se está debatendo en Galicia a desaparición das Deputacións, restos dunha estrutura centralizada do Estado anterior ao “Estado das Autonomías”. Os partidos que apoian a eliminación destas estruturas de poder: BNG e, de xeito máis matizado, o PSOE, teñen a oportunidade de baleirar de competencias os organismos provinciais da Coruña e Lugo. A opción está aí, a opinión pública (medida en varias enquisas) apoiaría a supresión das Deputacións ou a redución das súas competencias. A pregunta é: ¿PSOE e BNG están dispostos a desfacerse dun instrumento de control político que ten demostrado manter unha influencia moi importante nos concellos de pequeno tamaño?

De igual xeito, debátese estes días a reforma do sistema do voto emigrante, de grande importancia en Galicia. O voto da emigración adoita favorecer de xeito claro ao partido que exerce o poder en Madrid e, en menor medida, en Santiago. PSOE e BNG criticaron durante anos o sistema existente, por entender que permitía unha decisiva manipulación, exercida polo partido no poder, naquel momento o PP. Agora é o PSOE quen goberna en Madrid e Santiago, e parece que a idea de cambiar un sistema que lle beneficia resúltalle menos urxente do que era.

Non é doado renunciar ao poder. Non é doado renunciar a unha vantaxe competitiva, aínda que se estea convencido da súa inxustiza.

XA ESTAMOS EN CAMPAÑA

Por MarcosPerez
Xun 14

PSOE e BNG están medindo moito os detalles dos seus pactos en concellos e deputacións. Saben que as vindeiras eleccións municipais comezan a gañarse ou a perderse nestes acordos, nas áreas de xestión que controle cada partido, na percepción que a cidadanía teña sobre a responsabilidade dun e outro no funcionamento dos gobernos locais.

Pero PSOE e BNG non están pensando en 2011, pensan en 2008. As eleccións xerais están aí. Non serán en outono (non parece probable un adianto electoral), pero serán en marzo, o que significa que a campaña comezará á volta de Nadal. BNG e PSOE disputan en todos os comicios un voto fronteirizo, cun comportamento dual, que nas eleccións xerais adoita desprazarse cara ao lado socialista.

A campaña xa comezou. En Madrid o PSOE iniciou a súa batalla por recuperar os seus votos máis conservadores (pactos en Navarra, encarceramento de De Juana e Otegi…). E en Galicia non quere darlle ao BNG a máis mínima oportunidade para recuperar os votos que os nacionalistas perderon en 2004. O Bloque, pola súa banda, tampouco quere ser o prexudicado nunha nova bipolarización PP-PSOE.

Van ser meses de receos e riñas entre os socios do bipartito. Estamos en campaña (de novo).

Hai pacto. E agora que?

Por JacoboRey
Xun 11

A situación que se deu nas pasadas eleccións, que se ven dando durante os últimos oito anos, e que ten toda a pinta de prolongarse ’sine die’, é lícita e legal pero non parece de todo xusta. Co pacto asinado esta tarde, dase luz verde aos pactos municipais entre socialistas e nacionalistas, que permitirán gobernar case un cento de concellos na comunidade.

En poucas comunidades, moi poucas –se cadra a única– case un tercio dos municipios estarán gobernados por unha lista que non é a máis votada. E isto pasa en Galicia, principalmente, por varias razóns que (todas xuntas) non se dan en ningunha outra comunidade.

Por exemplo, en poucas comunidades existe un tripartidismo tan marcado como en Galicia, no que dous das tres formacións políticas están dispostas a pactar e mesmo comparten un goberno autonómico. O espectro político é moito máis variado en Cataluña, País Vasco, Baleares ou Aragón, por poñer un exemplo.

E por outro lado, esa situación combínase co feito de que se produza nun tradicional graneiro do Partido Popular, como é Galicia, onde a lista conservadora sempre foi a máis votada nas sucesivas eleccións autonómicas, e en boa parte dos concellos.

Hai que di, e con razón, que o propio Partido Popular ten a culpa de non ser quen de pactar con outros grupos políticos, situación motivada polo seu illamento ideolóxico. Só nalgúns casos, e con partidos de tendencia por definir -como Coalición Canaria- tivo o PP a oportunidade de alcanzar pactos post electorais.

O que parece evidente é que situación en Galicia é insólita, porque en ningún outro lugar o PP gañou en tantos concellos e gobernou en tan poucos. A cousa cambiaría se, por exemplo, existise unha cuarta forza política –de centro-dereita nacionalista-rexionalista, como o que pretende ser Terra Galega– que compensase un pouco a balanza.

Pero a estas alturas, semella que a única solución a este desequilibrio pasaría por unha reforma electoral que, non obstante, non semella necesaria noutras comunidades. En Andalucía gaña o PSOE, e goberna. En Castela e León, gaña o PP e goberna. Amais, esa reforma ao PSOE só lle afecta, por exemplo, nas Illas Canarias, onde López Aguilar resultou vencedor e precisa de apoios. E en todo caso, nin socialistas nin nacionalistas están dispostos a pactar unha reforma electoral –que dese paso a unha segunda volta, ou a outro sistema onde se primasen as maiorías– que non lles beneficia.

Mentres tanto, Feijoo propuxo de novo un pacto que permita ás listas máis votadas o acceso á alcaldía. Os outros dos implicados non dixeron a súa resposta, máis semella que nada vai cambiar. E que a solución do PP pasa por buscar novos amigos cos que xuntar concelleiros e rachar a súa soidade.

Pactos entre o PP e o BNG

Por ArturoLosada
Xun 8

A dobre personalidade debe de ser un requerimento importante para que a un o deixen ser político en Galicia. Fiel ó mito do galego na escaleira, é ben coñecida a tendencia cuántica do presidente da Xunta, o señor Pérez Touriño, a afirmar e negar as cousas nunha mesma frase. “Reganosa é ilegal, pero xa está feita”, “Quérolle moito ó BNG, pero os alcaldes son os alcaldes…”.

Porén, o xefísimo da oposición, Alberto Núñez (Feijóo), non queda atrás en compoñente esquizofrénica. Lúcea menos, pero dun modo máis brutal, xa que é capaz de cambiar entre o discurso centralista máis pechado e as proclamas galeguistas como quen cambia entre os calzóns largos e os slips. O mesmo nos avisa dos perigos de ETA e repite consignas marianixtas (“Quegobiernelmásvotao, quegobiernelmásvotao”), que se pon (figuradamente) a camiseta da selección galega e insiste (insiste moito, moito) en pactar co BNG.

Talvez se vise seducido polos argumentos de Baltar, que dixo o outro día (e Calidona dá fe) na Radio Galega que habería que buscarse un socio de goberno se non son quen de manter as maiorías. Ou talvez só queira sementar o desconcerto. Pero non deixa de resultar curioso que este home se esqueza de súpeto de que o máis Popular dos Partidos, o seu, leva toda a lexislatura dándolle moita máis caña o Bloque que o PSOE (Antón Losada mediante), que en Madrid non lles gustan nada estas cousas, que o BNG é, teoricamente alomenos, un partido de esquerdas e os seus votantes non lle ían poñer moi boa cara se pacta co… centro.

Fora de casos puntuais, que cada concello é un mundo, un pacto PP-BNG semella raro-raro. Tamén semella que Feijóo quere facer da necesidade unha virtude: “Non é que a política do meu partido faga imposible pactar con ninguén, eu ofrézome, pero eles non queren gobernar comigo ¡malos!”.

Arquivado en: municipais, pp | Comentarios (0)

Reganosa, ¿pataca quente?

Por MarcosPerez
Xun 3

A manifestación celebrada hoxe en Ferrol baixo o lema Liberdade para Bastida, planta de gas fóra da Ría” foi un éxito completo. A planta de Reganosa instalouse na ría de xeito moi silandeiro, sen facer demasiado ruído, e con sentenzas xudiciais na súa contra. Sentenzas, que así e todo, non tiveron demasiada repercusión. Pero en Ferrolterra a sociedade civil está viva (e cabreada, ademais) e non lle abondan os argumentos conciliadores de “si, é ilegal, pero é que é moi necesaria para Galicia” ou “si, é ilegal, pero é que desmantelala agora…”. Á cidadanía xa non lle valen os argumentos de “feitos consumados”.

Reganosa, cunha oposición social activa e crecente, ameaza con se converter nunha pataca quente. ¿Para quen? Para todos, pero sobre todo para PSOE e BNG. Para Touriño e Quintana, que hoxe realizaron declaracións ambiguas e incómodas, para os conselleiros de Industria e Medio Ambiente, e moi especialmente para Vicente Irisarri, flamante alcalde de Ferrol, elixido cun grande apoio social que reclamaba un xiro á esquerda na cidade.

¿Converterase Reganosa nun asunto clave nas axendas políticas e mediática de toda a comarca de Ferrolterra? ¿Emerxerá unha oposición social maioritaria, como a que durante anos reclamou en Pontevedra o traslado de ENCE? ¿A quen queimará esta pataca quente?

Pactando, que é xerundio

Por JacoboRey
Xun 1

Chegados a este punto, os pactos entre socialistas e nacionalistas parecen feitos. Xa non hai sopresa, nin incertezas respeito ao éxito das negociacións. Varela e Jorquera están escenificando estes días a dureza das conversas con interminables encontros, pero os dous saben de sobra que o importante non ten negociación.
Explícome. Dentro dos pactos que están a negociar ambas forzas, existen os Pactos A e mais os Pactos B. Hai uns pactos de primeira, e outros de segunda. Os da clase a son os urxentes, os outros son os que poden esperar.

Pactos A: naqueles concellos onde o PP foi a forza máis votada. Se non existe acordo, sairá elixido un alcalde do Partido Popular. Requírese acordo urxente. É o caso de Vigo, de Ourense, de Pontevedra ou das deputacións de Lugo e A Coruña. En todos os casos, o acordo entrambas forzas está máis que apalabrado. Xa o deixou claro Santi Domínguez en Vigo o mesmo día das eleccións, como exemplo. O fracaso Ventura-BNG debe servir de exemplo de que cun alcalde do PP, ningunha das dúas forzas políticas progresistas sae gañando. A saída de Cacharro, de Poly ou de Corina dase por feita. Iso é, hoxendía, innegociable. Todos estes pactos A, ou case todos, están resoltos.

Pactos B: aquí ven o problema. O pacto, en si, non é necesario para que o vencedor logre a alcaldía, e por iso ambas forzas teñen máis corda que tensar, pero tamén máis marxe para negociar, polo menos ata a primeira aprobación dos orzamentos municipais. É dicir, nin Losada, nin Bugallo, nin Irisarri nin Orozco necesitan -en principio- ao BNG. Pero unha actitude en contra do nacionalismo pode complicar moito as cousas, tal como sucedeu en Vigo no etapa pre-corinista.

En todo caso, a saúde das relacións nas cidades entre os socios de Goberno poden ser, a pequena escala, un anticipo das estratexias que levarán a cabo socialistas e nacionalistas cos seus compañeiros de cama. Desta volta, están en xogo o goberno das sete cidades e dúas das catro deputacións. Case nada.

¿Gañou Esperanza Aguirre en Galicia?

Por MarcosPerez
Mai 31

Algo mal ten que estar facendo o PSOE para que uns días despois das eleccións ao señor Núñez Feijoo se lle pase pola cabeza dicir que os socialistas obtiveron un mal resultado en Galicia. Fala o líder dunha forza política que vén de perder practicamente todo o poder que lle quedaba no noso país. O PP desapareceu do mapa o domingo. E onte Núñez Feijoo aínda sacaba peito. ¿Que sucede aquí?

O que sucede é que Feijoo é o líder do PP en Galicia, pero non fala de Galicia. Aférrase ao éxito do seu partido en Madrid e Valencia, á vitoria en votos (aínda que os populares perden moito poder real), e repite, punto por punto, o discurso de Acebes e Rajoy. Sen decatarse (ou disimulando moi ben) que o PP fracasou o domingo en Galicia e que obtivo os peores resultados posibles (agás a axustadísima vitoria na deputación de Pontevedra).

¿Que sucede aquí? O que sucede é que moitos líderes políticos galegos, entre eles Feijoo, están obsesionados por Madrid (el rompeolas de todas las Españas), e pola prensa madrileña. E de tanto escoitar a Cope, de tanto ler El Mundo ou ABC, miden os resultados das municipais en Galicia polos datos de Gallardón e Esperanza Aguirre. ¿E o PSOE? Pois ao PSOE pásalle algo semellante, neste caso cuns El País e SER que tampouco son capaces de ver máis aló de Guadarrama. Nos seus medios afíns, os socialistas falan de Sebastián e Simancas, no canto de lembrarlle ao PP a súa histórica derrota en Baleares, Navarra ou Galicia. Pero isto xa non sorprende, se se analiza a política comunicativa do PSOE nos últimos meses, nos que deixou que o PP lle marcase a axenda e elevase aos temarios dos medios os seus temas predilectos.

Por iso, se nos próximos días seguides escoitando estes discursos triunfalistas do PP e derrotistas do PSOE, non vos preocupedes, Esperanza Aguirre non é a nova presidenta da Xunta.

Arquivado en: municipais, psoe, pp | Comentarios (42)

Alcaldes Frikis (II): Os que perderon

Por ArturoLosada
Mai 30

Xosé Manuel Cendán, de Ares, saíu tocado da loita fratricida co seu irmán, Luis. Seica os dous querían mandar máis do que lles tocaba (non sei cantose poderá mandar en Ares, pero…) e, pese a que intentaron solucionalo varias veces a berros no bar da familia, Os Nanos, non houbo acordo e sí escisión. Luis Cendán, o irmán pobre, fundou o seu propio partido, con todos os concelleiros do PP da vila, e que decidan os votantes. E os votantes decidiron que haberá bipartito entre o PSOE e o BNG. Mala sorte, sigan xogando.

Ramón Rodríguez Ares, de Sada, volve perder as eleccións, pese ó innegable gancho que tiña o seu eslógan Moncho y Sada, ¡Que pasada! Porén, a última vez a derrota nas urnas non foi abondo para mantelo afastado da alcaldía, xa que un oportuno tránsfuga socialista pasouse o seu partido, o SAPO (partido demócrata SAda POpular, aínda que as siglas oficiais son PDSP). Desta vez, o goberno depende de que o único edil da formación independente ASU (Agrupación Sada Unida) apoie a BNG e PSdeG. Risos garantidos na investidura.

Teodosio Martino
, de Ordes, o alcade que cobraba máis que o presidente da Xunta, pasa de ter nove concelleiros a ter catro ¿Paliza? A medias, xa que os gañadores das eleccións, o UXO (Unión por Ordes) son, en realidade, cabreados que marcharon do PP por non entenderse con Martino (¿non tiñan super-soldos, talvez?), así que o voto conservador non se move do sitio. En fin, que con seis grupos políticos nun pleno de 17 concelleiros, sabe deux quen vai ser o alcalde de Ordes. Outra investidura para non perderse.

E reservo ó mellor para o final, Armando Blanco, de Teo, o Rei das Tortillas, vai ter que marchar para casa e recuperar o seu posto de funcionario en excedencia, logo de perder dous concelleiros ante o ascenso do BNG. Os ordenses vivirán máis tranquilos, pero de seguro que rirán moito menos co novo alcalde.

A modo de conclusión, semella que a maioría dos noso alcaldes ‘peculiares’ renovarán os seus gobernos e mesmo os que perden non foron derrotados con claridade (agás Martino). Poderíamos dicir, como hipótese, que canto máis raro é o alcalde, máis fidelidade desperta. Lembrade senón a Paco Vázquez…

P.S.- No Galpón de Breogán tendes un enfoque moito máis divertido sobre o tema.

Alcaldes Frikis (I): Os que gañaron

Por ArturoLosada
Mai 29

Tras os análises perpetrados polos meus compañeiros de blog, pouco queda que comentar sobre estas eleccións municipais, pouco serio alomenos, pero coido que hai un tema que non se tratou, e que ten moito que ver coa idiosincrasia do voto galego. ¿Que pasou cos nosos alcaldes frikis? Pois imos velo:

Senén Pousa Soto
, de Beade, que fai misa cada 20 de novembro, polo cabodano de Franco, e ameaza ós veciños que reclaman agua potable nas súas casas (¡os moi masóns!), mantén o seu sillón de alcalde, pese a cederlle un concelleiro ó PSdeG. Supoño que o entrañable que está cantando o Cara al Sol fai imposible non votarlle.

Antonio Campo, alcalde de Ortigueira, famoso por formar un dúo humorístico con Pocholo Martínez-Bordíu (”tu vives en una caravana porque eres pobre”) e por xogar con billetes de 500 euros coma se fosen clínex, mantén intacta a súa maioría absoluta pese a deixarse un concelleiro polo camiño, como xa salientou o doutor Marcos Pérez. ¿Quen non lle confiaría o seu voto a un tipo que afirma ter tantas mulleres ó seu servizo?

José Antonio Landín, de Barro, logra mellorar os seus resultados tras ser o home que (presuntamente, non esquezamos o presuntamente) encerrou baixo chave cinco motobombas mentres o lume cercaba ó seu concello, foi a Comisión do Parlamento a facer resitencia pacífica tipo Gandhi e logo adicouse a saír nos xornais a acusar ós ecoloxistas de queimar o monte. Alguén que mira tanto polo seu e os seus ten á forza que ser un bo alcalde.

Xoan Gato, de Narón, alma da Ferrolterra, cerebro de Terra Galega (xunto con Cacharro Pardo, din as malas linguas) volve ser o máis votado, pese as súas múltiples peculiaridades urbanísticas e pese a cobrar impostos polo saneamento das augas fecais aínda que non haxa depuradora. Así a todo, perdeu tres concelleiros e con eles, a maioría absoluta, polo que anda enrabechado e pode abandonar a alcaldía, que é súa dende 1979… ou poden botalo, non está claro.

Jesús Ares, de Toques, experto en meterlle man ás menores e en agredir fotógrafos, volve ser o candidato máis votado no seu concello, coa súa formación Xuntos Cara o Progreso de Toques (XCPT), pero perde a maioría absoluta (oooohh). Porén, para quitarlle o goberno será preciso un pacto tripartito entre PP, PSOE e BNG ¿Veremos tal cousa?

Ángel García Seoane, Gelo,
de Oleiros e a súa Alternativa dos Veciños foron outra vez os favorito dos votantes, aínda que deixaron un concelleiro polo camiño e de novo terá que pactar con alguén, cousa difícil porque semella que todo o mundo o odia. O acordeonista máis famoso de Galicia, colega de Fidel Castro, vixiado pola CIA e inimigo de Israel, foi un dos poucos alcaldes de Galicia que aprobou un PXOM que reduce a edificabilidade, aínda que (presuntamente, de novo), fixo por enriquecerse auto-expropíandose terreos. De todo o lote, é o máis simpático por moito e o único que nunca gobernou con maioría absoluta.

Veña, mañá remato o rollo falando dos que perderon.

A padiola mecánica

Animais políticos

Dentro das nosas limitadas capacidades, neste blog tentaremos facer resumo da trama desa longuísima serie que é a política galega sen resultar coñazo e esquivando os tópicos habituais na prensa, pois, de momento, non temos apoio institucional. Se non o acadamos, sodes libres de insultarnos nos comentarios.